REPORTAJE

A velutina, inimigo a derrotar polos apicultores ourensáns

Melky Rodríguez Novoa e Diego Estévez Nieto, apicultores con colmeas na provincia de Ourense, están a sufrir xa a ofensiva das velutinas raíñas sobre as súas abellas. Despois dun 2023 que foi "crítico, brutal", teñen xa a vista posta no próximo verán, que esperan atemorizados: "Vai haber máis ca nunca"

O desacougo que transmiten os apicultores de Ourense ante a chegada do vindeiro verán non é infundado. O caso de Diego Estévez Nieto, apicultor con 300 colmeas no Macizo Central ourensán, é paradigmático dunha situación límite na provincia: a sociedade cooperativa da que forma parte, Proxectos Galegos de Apicultura Sociedade Cooperativa Galega -na que chegou a haber 1.500 cortizos censados-, está en trámites de disolución.

"Os custes para producir mel incrementáronse nun 50%, subiu o prezo de todo: a cera, o alimento das abellas, as colmeas... E pouca xente está disposta a pagar o prezo que vale", explica, en especial da que se produce en réxime de ecolóxico -onde os requerimentos para a elaboración de mel son maiores-, como o seu caso. Pero, sen dúbida, a maior ameaza detrás dos apicultores e das súas abellas, ten nome e apelidos: vespa velutina.

colmenas abejas velutina miel  apicultor
Algunhas das colmeas de Diego Estévez Nieto no Macizo Central de Ourense.

A Xunta de Galicia puxo en marcha esta semana en Ourense unha das principais medidas da loita contra a velutina: a colocación de trampas por todo o territorio. Melky Rodríguez Novoa, apicultor que no ano 2022 mantiña orgulloso corenta e dous covos e no fatídico 2023 non contou máis de 15, resultado do acoso ao que foron sometidas as súas abellas por parte da invasora velutina, valora positivamente esta acción "porque colle ás raíñas, evitando nidos futuros, pero fai falta máis investigación para erradicar de raíz o problema que supón esta especie para a fauna autóctona". 

Os apicultores móstranse atemorizados só con imaxinar como pode chegar a ser o verán 2024 vendo esta primavera. "Penso que vai haber máis velutina ca nunca, porque nas trampas que teño están entrando moitas e son máis grandes do normal". O vídeo que acompaña esta información, do apicultor José Ramón González Rey, de Coles, pon imaxe a este incremento: os cepos que colocou en cada trobo están ateigados de velutinas en só uns días.

"A velutina cómeo todo: as crías, o mel, o pole..."

Aínda teñen presente o 2023, que "foi crítico. Onde apenas había velutina ou a súa incidencia era mínima, foi brutal, arrasou", recorda Diego. Foi un ano de récord na provincia no que a Xunta de Galicia rexistrou case un 50% máis de avisos por avistamento de niños de velutinas só na xeografía ourensá. Este incremento tradúcese en case 10.000 aniñadoiros, que suman millóns de velutinas no seu interior que atopan nas abellas o alimento perfecto.

"Entra nos niños e mata ás raíñas, cómeo todo: as crías, o mel, o pole...", conta Melky. "Ano tras ano desde que comecei fora ampliando colmeas, ata o ano pasado. Nunca perdera tantas". Diego Estévez lembra que "o habitual era ter entre un 15 e un 25% de baixas, agora se ese é o mínimo, xa podes estar contento". A estas alturas, fai un ano, "xa caeran nas trampas máis raíñas das que vira nunca". Diego, que "xa estaba coa mosca detrás da orella", viviu despois un verán castastrófico. "Atacoume ao redor dun 300% máis que no 2022".

colmenas abejas velutina miel  apicultor
Velutinas retiradas por Melky dunha das trampas que ten nas súas colmeas. 

Retirada de niños

A explosión de velutinas que xa se está a rexistrar en Ourense, e tamén en Galicia, ten o seu precedente no 2023, con máis de 700 chamadas de media ao 112 ou 012 -número específico para alertar sobre niños-. A prioridade son aqueles que se atopen preto, ou mesmo dentro, de vivendas habitadas, o que obriga aos apicultores a tomar a iniciativa para evitar que a catástrofe sexa absoluta. "É normal, teñen prioridade as vivendas, pero os casos que se alertan no monte, quedan no fondo da lista", lamenta. 

Cando avistan algunha destas masivas estruturas preto das súas colmeas, proceden persoalmente a neutralizalos empregando "insecticidas, tirándoos abaixo, e tamén hai quen usa valineras para meterlles o veleno dentro", di Melky. As velutinas cada vez gañan máis terreo, e Diego asegura que xa ten "retirado niños de dentro dalgunha colmea", algo pouco habitual ata o momento. "Non somos avispeiros, nós temos que adicarnos as abellas, o noso traballo non é andar a detectar nidos ou retiralos", apunta.

colmenas abejas velutina miel  apicultor
Melky, a dereita, traballa nas súas colmeas.

Outras ameazas

As desgrazas nunca veñen soas, e a velutina non é a única praga que mingua a poboación de abellas. Outras das ameazas que máis temen os apicultores é a varroa destructor, un ácaro que se alimenta destes insectos. "Hai que facer un tratamento anual para desparasitar, pero cada vez é máis resistente: hai menos produción porque as abellas están máis débiles. Para sobrevivir agora neste mundiño hai que ter uns coñecementos bastante avanzados en todo o relacionado co coidado das colmeas".

Te puede interesar