SERVICIOS SOCIAIS

A Xunta convida as inmobiliarias galegas a adherirse o programa "Vivendas Baleiras"

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, solicitou a colaboración para continuar impulsando o programa

O goberno galego convidou aos axentes inmobiliarios de Ourense a aproveitar a oportunidade que representa o programa social de "Vivendas Baleiras" para dinamizar o sector. O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, acompañado polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo unha xuntanza de traballo con axentes da propiedade inmobiliaria da cidade, aos que lle solicitou a súa colaboración para continuar impulsando o Programa de Vivendas Baleiras coa incorporación de inmobles para destinalos a alugueiro social

Heriberto García explicou a importancia de que os profesionais do sector inmobiliario difundan entre os propietarios de inmobles os beneficios desta iniciativa coa fin de seguir incrementando a oferta de vivendas baleiras. Precisou que na actualidade na cidade de Ourense, que foi a primeira en adherirse ao Plan, existen 3 vivendas a disposición de familias con dificultades.

O Programa de Vivendas Baleiras, enmarcado nas 12 medidas activadas pola Xunta para evitar e paliar os desafiuzamentos, permite grazas ao convenio asinado entre o Executivo Galego e a Fegamp, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte da Consellería de Infraestruturas e sen custe para os propietarios, as seguintes coberturas:

- Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.

- Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual.

 

Te puede interesar