No Día de Tódolos Santos, os cemiterios da provincia reciben as visitas daqueles que acoden a lembrar e 'deixar bonitas' as sepulturas dos seus seres máis queridos. O de San Francisco non é ningunha excepción.

Xuntanza de parentes no cemiterio

Xente percorrendo o cemiterio de Ribadavia.
Polo cemiterio ourensán de San Francisco pasan a diario unhas 15 ou 20 persoas. Moitas menos que anos atrás, segundo os traballadores do lugar. Aínda a pesar de ter sido declarado Ben de Interese Cultural, no ano 2000, e que algunha excursión visita as tumbas dos persoeiros da cultura galega que alí descansan, xa non é coma antes, que non paraba de entrar e saír xente. Así o afirman os que día a día se encargan de que todo estea en orde.
Eduardo Blanco Amor, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Valentín Lamas Carvajal ou Ben-Cho-Sei repousan nun dos altos da cidade de Ourense, no cemiterio de San Francisco. Durante o ano, son eles os que máis visitas reciben. Pero tal día coma onte, xornada de Tódolos Santos, non son as súas as sepulturas ás que máis acode a xente. Si que preguntan por eles, pero o un de novembro non hai excepción.

As familias soben e baixan polas costas de San Francisco, atravesan, coma se dun labirinto se tratase, os pasos entre tumba e tumba. É certo que a maioría das persoas que visita o camposanto son maiores, pero tamén se poden ver familias con nenos. É un día para a lembranza, e niso coinciden todos. Incluso hai quen aproveita para se xuntar cos parentes, 'coma se fora o Nadal', comentaban dúas irmás.

Durante o día -ou mesmo días antes para os que non puideron achegarse onte-, cada unha das sepulturas vaise enchendo de colorido gracias ós centros de flores. 'Este día dá gusto ver o cemiterio', dicía unha muller en San Francisco. Máis do habitual, porque un dos referentes turísticos da cidade éo todo o ano. E a pobre Asunción, case dende a porta, ve pasar ós familiares dos que a acompañan, agardando que alguén se lembre dela e lle deixe un ramiño de flores. Os traballadores, que a diario a coidan, laméntanse de que 'este ano non nos acordou de limpar á coitada'.

O Día de Tódolos Santos naceu, hai xa moitos séculos, para compensar que o santoral católico non festexa tódolos nomes no seu calendario. É pola contra, o día seguinte o que en realidade foi instaurado para visitar e lembrar o lugar onde repousan os que deixaron este mundo; o Día dos Defuntos. Ó ser laborable, a visita faise na xornada anterior. Pero o día de Tódolos Santos non é un, nin dous -xunto co de Fieles-, senón que se celebra dende días antes; dende o intre no que se encargan os centros de flores e no intre no que se comezan a limpar as sepulturas.


PROCESIÓN EN SANTA MARIÑA

Despois de varios anos nos que non se celebrou, outro dos cemiterios da cidade, o de Santa Mariña, retomou onte a procesión de Cabodano, en honra de tódolos santos. Os veciños e familiares dos que alí descansan percorreron o interior do camposanto ata chegar á fosa común, que garda, en forma de cinza, os restos daqueles corpos que non son retirados das sepulturas, unha vez rematado o prazo do aluguer. Alí, ó chegar, tivo lugar a celebración dun acto relixioso.

Te puede interesar