Arte et alia

Zoco de artistas e Cartas de Amor vs. Violencia de Xénero

Cartas de Amor ven sendo unha colectiva de quince creadores contra a Violencia de Xénero, un xénero de violencia especificamente contra a muller. E unha mostra que naceu propondo, a través das escollidas obras, actividades para a súa prevención, para discentes e docentes, interactiva e non contemplativa dende a acción.

Educar dende o cerne da adolescencia, que non é só cronolóxica pois o do corazón tenro abrangue até idades adultas, coa arte e no espazo dunha sala de exposicións, abrindo a reflexión para o público dende estas dirixidas imaxes que golpean o noso corazón. Co mundo romántico como escusa para establecer paralelismos entre as primeiras relacións de parella e a violencia verbal e física que vai asociada tantas veces... un querer o control desde a inseguridade radical.

“Cando nos namoramos querémolo todo e, daquela, o amor corre o risco de converterse en posesión e anulamos á persoa amada... cada paso nese proceso en que o amor se converte en violencia (pois) o amor non é posesión nin imposición de límites” escribe Anxos Sumai, escritora e documentalista, en As de corazóns, texto-argumento das obras de Miguel Calatayud e Paco Roca, que foron premios nacionais de ilustración e cómic, respectivamente; as de David Pintor, Patricia Castelao, Oscar Villán ou Pirusca, figuras galegas, e tamén as de Eva Vázquez, Jack Mircala, Javier Olivares, Primitivo, Sonia Pulido e Sergi San Julián. Conforman o elenco Fausto Isorna, deseñador, e o pintor e escultor J. Méndez-Pitelos, todos eles uns artistas no seu.

Está detrás da mostra a Secretaría Xeral da Igualdade da presidencia da Xunta de Galicia e institucións nacionais e internacionais, proposta que foi coordinada por Gemma Sesar de El Patito Editorial, e que se ven desenrolando in itinere no tempo dende 2010 en que se iniciou, co gallo do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, chegando ate nós agora. Sempre é tempo de aprender.

A galerista de Visol Maricarmen Vidal e Tareixa Taboada, coordinadora de sala e tamén artista, montaron un ano máis neste tempo unha magna exposición colectiva. Para ela, coa denominación Zoco, convenceron a unha manchea de artistas de longa e recoñecida  traxectoria moitos deles, comprometidos coa cultura para que poñen á disposición do público a súa arte a un mesmo e módico prezo, tentando procurar con elo o camiño cara un colecionismo doutra sensibilidade, afastada do canon de que o valor está no prezo e o tamaño.

Así uns sesenta artistas, entre os que están Antón Sobral, Alexandro e Carlos Vello con Ehlaba, José Carlos Seoane, Sula Repani, Paco Ascón, Leandro, Poldras, Manolo Figueiras, Yolanda Carvajales, Isabel Pintado, Vazquez Prats, Acisclo, Ruth Lodeiro, Santi Barreiros, e algunha obra de Vidal Souto (+) que engade a súa irmán galerista. Con eles artistas da Galería Templarios de Venezuela. Deste xeito a sala da céntrica rúa Santo Domingo ten ateigados os dous andares e tres niveis con pintura, escultura, cerámica, debuxo ou gravado.

No fondo é un desenrolo pedagóxico da idea de crecemento emocional coa arte, facendo medrar o sentido do gusto dende cun investimento económico. Un Nadal de Arte, e sensibilización arredor da violencia máis aló dos clichés de idade e desigualdade social.

Te puede interesar