Un ano máís os irmáns creados por Pepe Carreiro batiron records de asistencia chegando a nada menos que 8.000 espectadores nas súas galas e colgando o cartel de 'non hai entradas' na meirande parte de cidades.

Os Bolechas, o éxito do Nadal

Lady Vina e Os Bolechas durante unha das representacións deste Nadal.
Os Bolechas remataron onte en Vilalba a xira de Nadal que os levou por once cidades e vilas galegas. Os populares e divertidos personaxes creados por Pepe Carreiro estrearon o seu novo espectáculo, 'Os Bolechas cantan con Lady Vina', o día pasado 22 de decembro en Vilagarcía e desde entón pasaron por Pontevedra, Vigo, Burela, Santiago, Cangas, Ourense, Narón, Lugo, A Coruña e Vilalba, lugar da clausura desta xira de Nadal 2013.
Máis de 8.000 persoas viron este musical nalgún dos teatros e auditorios nos que se representou coincidindo coas vacacións de Nadal dos máis pequenos, e na meirande parte das localidades houbo que colgar o cartel de 'non hai entradas' malia que este ano se aumentou en tres o número de vilas da xira con respecto ao ano pasado. Isto foi posible grazas a colaboración da Xunta de Galicia, a través de Agadic, xunto coa TVG, Novagalicia Banco e a Fundación Novacaixagalicia.

'Os Bolechas cantan con Lady Vina' permitiu aos fans dos Bolechas coñecer os monicreques da serie de televisión que desde hai case dous anos e medio se emite diariamente na canle pública autonómica. Os seis irmáns mais o seu cadelo, Chispa, compartiron escenario con Lady Vina, unha cantante moi fachendosa que pretendía roubarlles protagonismo aos irmáns pero que, afortunadamente, non logrou calalos.

Deste xeito, o público puido gozar das cancións dos Bolechas, en especial das do novo disco 'Os Bolechas fan unha banda', no que participan dez dos grupos e intérpretes galegos máis relevantes do actual panorama musical. Precisamente o libro-disco dos Bolechas foi o grande éxito editorial deste Nadal, tanto nas librarías galegas como no posto de venda que se instalou nos teatros o días das funcións. Tamén o reloxo dos Bolechas tivo unha grande acollida e tampouco pasou desapercibida a Biblioteca Básica coa súa prezada Mulecha, a vaca-maleta dos Bolechas.

Tanto o director do espectáculo, Santi Prego, como os actores aseguran estar 'moi satisfeitos' coa xira, que foi 'gañando en cada función'. Os manipuladores dos bonecos, que estaban sobre o escenario cos seus personaxes, aseguran que foi 'unha experiencia incrible', posto que poucas veces se ten representado en Galicia 'un espectáculo destas características'. Tamén resaltan o gratificante que é 'recibir o aplauso do público infantil'.

Ademais do espectáculo musical, Os Bolechas estiveron tamén este Nadal na Pobra de Trives, en Porto do Son, en Pontevedra e nas cabalgatas dos Reis de Vigo e Santiago de Compostela.

Te puede interesar
Más en Sociedad