CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

Na chegada do primeiro teléfono

Praza do Bispo Cesáreo, onde estaba o Café Unión e onde foi instalada a Central telefónica de Ourense.
photo_camera Praza do Bispo Cesáreo, onde estaba o Café Unión e onde foi instalada a Central telefónica de Ourense.
A caída de Whatsapp, Facebook e Instagram, evidenciou a inexorable dependencia que a sociedade postmoderna ten do teléfono e de todo "canto lle colga darredor". Nada novo, pois hai cen anos a súa chegada a Ourense foi coma se nos viñera a ver Deus

Aindiscutible interdependencia que a sociedade actual mantén respecto dese trebello pequeno e plano coma unha microtelevisión ó que agora lle chamamos "smartphone", viuse vulnerada unha vez máis, como queda apuntado, pola caída mundial das redes sociais.

O suceso momentáneo levoume a querer comparar ata que punto a chegada do teléfono, hai case século e medio, ás vidas dos nosos antepasados, foi comparable ó que hoxe está supoñendo para nós o uso do devandito "smartphone". Entón púxenme a procurar información sobre como aconteceu a súa instalación na nosa provincia e certamente -salvando as lóxicas distancias- se non foi equivalente ó que hoxe nos acontece, podeos concluír en que moito non lle faltou.

Sabido que, logo da popularización do descobremento atribuído a Graham Bell, a primeira chamada telefónica que tivo lugar en España chegou, coma tantas outras cousas, de Cuba, da preocupación pola chegada do servizo telefónico a Galicia dá conta este mesmo xornal na súa edición do 9 de novembro de 1911 informando que por iniciativa da Cámara de Comercio de Lugo que se pon en contacto coas outras cámaras provinciais, remiten escrito ó goberno para que se cumpran as previsións recollidas no proxecto de instalación "de una red telefónica interurbana" ó Noroeste e que contempla que Galicia debería contar con este servicio na súa totalidade "desde el primero de enero de 1912".

Como adoita a ser común ó longo da historia, Ourense estaría inserida nesa última etapa, dentro da rede sectorial de Monforte, Vigo e Pontevedra.

"Como a nadie se le oculta la necesidad e importancia de esta mejora en el defectuoso servicio de comunicaciones -apuntan os responsables da Cámara de Comercio lucense-, no nos detendremos en poner de manifiesto la conveniencia de hacer una activa y enérgica campaña par conseguir que el Gobierno obligue a la empresa concesionaria a la inmediata implantación de tan indispensable reforma".

Dera ou non froitos, a presión cameral, o caso é que ata o mes de xaneiro de 1914 non se dá conta da chegada do material necesario para instalar o servicio telefónico con Madrid. "La Central de Orense -continúa a información- se instalará en el local que hasta ahora ocupó el café de La Unión, arrancando el tendido desde la estación de Canedo".

Non deixa de ser interesante tamén o apuntamento que remata a información e que di: "Son grandes los beneficios que dicha mejora reportará al público orensano, dada la baratura de la tasa telefónica, que hace competencia a la telegráfica".

Inmediatamente, aqueles espazos públicos ou privados de máximo interese económico e social da capital comezan a sumarse ó uso de tan desexado servizo. Así, un dos primeiros en facelo é este xornal, que o 30 de xuño dese mesmo ano informa de que "ha quedado ya instalado en nuestra redacción el servicio telefónico", felicitándose "por tan importante mejora".

Loxicamente, o Concello sería outro dos entes que máis pronto gozarían de tal servizo, malia que teña que pasar algo máis dun ano para que un concelleiro reivindique que na partida que se vai aprobar para o "pago del serivicio telefónico instalado en la alcaldía y el que en su día se instalá en el Canal del Agua de Loña, se agregue también otro para el servicio de Incendios".

Reivindicacións ás que se suma o xornal en febreiro do 16, amosando "su extrañeza al advertir que el Hospital provincial carece de servicio telefónico" e denunciando xa esoutra "cara b" que sempre trae con ela a tecnoloxía e que "La Región" revela nun expresivo artigo titulado "El teléfono y la censura".

Perigos e bonanzas da incorporación das tecnoloxías ó día a día das nosas vidas

Cuadro magneto que ha sustituido al antiguo tipo en la subcentral de Triana.jpg_web

 

Esta centraliña de Triana podería estar instalada en calquera vila da provincia.

Resultan reveladoras da incidencia que a incorporación das novas tecnoloxías foron supoñendo nas sociedades nas que estas se foron integrando, dúas informacións que este xornal recolle no curto periodo que media entre o Nadal de 1915 e marzo de 1918.

Así, mentres nun primeiro momento, dende a redacción, destacan o feito de que "a nosotros se han acercado muchas personas que elogiaron grandemente el servicio telefónico de información de La Región", con motivo da celebración da lotería de Nadal dese ano, razón polla cal agradecen enormemente a colaboración do "ilustrado jefe de la Central de Teléfonos Interurbanos, Sr. Sanz" por poñer "a disposicion de La Región varios ordenanzas, de modo que los despachos llegaban a nuestra redacción con una prontitud pasmosa", en marzo do 19 esa mesma redacción amosa a face contraria no artigo xa referido sobre o teléfono e a censura, e que pola súa actualidade paga a pena reproducir:

"Hace tiempo que en España se ha implantado como procedimiento de buen gobierno el empleo de la censura (pero el empleo extremoso y arbitrario) en la transmisión de noticias para la prensa. Registrarse un acontecimiento de importancia cuya divulgación no convenga, por una mal entendida y absurda discrección y entrar en funcionamiento el censor, todo es uno (...) Ahora, en pleno conflicto de comunicaciones, la censura está en su apogeo también. ¡No faltaba más!

”Y nuestro servicio telefónico deja diariamente claras señales de su lamentable existencia. Los telefonemas que en Madrid deposita para La Región la agencia 'Prensa Asociada', se reciben aquí mutilados en forma tal que en ocasiones el sentido de los mismos se desfigura casi por completo. (...)”

Sexa como fose, con estas virtudes e eivas, nos anos posteriores o teléfono foi implantándose polas cabeceiras de comarca e así Verín, O Barco de Valdeorras, Trives, Carballiño, Ribadavia e Celanova, foron sumándose á modernidade a medida que se ían abrindo aquelas centrais telefónicas nas que as "operadoras" comezaron a seren as raíñas.

Te puede interesar