Os personaxes creados por Pepe Carreiro 'fan unha banda' nunha edición especial para Nadal

Os irmáns Bolechas presentan a súa nova aventura na música

Actuación da coñecida rapeira Aid, durante a presentación do libro máis cd dos Bolechas.
Os Bolechas veñen de presentar onte en Vigo unha nova aventura que traspasa o ámbito editorial para achegarse a un novo campo, o musical. Tras o éxito da banda sonora da serie dos Bolechas na TVG e dos espectáculos BrincaBolechas, nos que a música xogaba un papel esencial, a editorial Bolanda decidiu facer unha edición especial para este Nadal onde a música sexa a protagonista. Trátase de artistas emerxentes do panorama musical, algúns moi coñecidos e con varios discos no mercado e outros que están comezando a súa carreira pero que xa contan cunha interesantísima traxectoria en salas e festivais de todo o país.
O obxectivo do proxecto 'Os Bolechas fan unha banda', como explicou o seu editor, Antonio Couto, é reunir nun traballo 'dous sectores esenciais para o desenvolvemento cultural dun país, como son o editorial e o musical que, pese a sufrir como poucos os efectos da terrible crise económica que estamos vivindo, demostran día a día o enorme potencial creativo e artístico que hai en Galicia'.


'UN NOVO PASO'

O creador dos personaxes, Pepe Carreiro, tamén se mostrou onte convencido do éxito deste libro-disco que supón 'un novo paso na longa traxectoria dos Bolechas, que supera xa os 13 anos de existencia'. Carreiro destacou a calidade dos temas e mostrouse 'moi satisfeito' coa compilación de grupos, 'posto que representan todos os estilos'.

Este era, precisamente, un dos obxectivos do produtor do disco, Carlos Pereiro, líder de Novedades Carminha, unha das bandas que forman parte do mesmo. Pereiro destacou 'a diversidade de ritmos, estilos e músicas que se poden atopar, dende a música electrónica de baile ao folk, pasando por sonidos que beben do pop do rock ou do reggae'. O produtor, asegura que a creación deste disco 'pon en valor unha época dourada da música feita en Galicia e cantada en galego' e que o obxectivo principal da obra é 'divertir aos nenos e nenas galegos ao tempo que se familiarizan coa música feita no país', tal como fixo no seu día o Xabarín, xeración á que pertencen moitos dos grupos que participan neste disco.

O disco dos Bolechas inclúe desde a música tradicional galega de Pandeiromus ata a cumbia de O Sonoro Maxín, pasando polo punk máis divertido de Novedades Carminha, o rock de Ataque Escampe ou Sés, o reggae de Transilvanians, o power pop de The Homens. o po pausado de Eladio y los Seres Queridos, o electrónico de Álex Casanova ou o rap de AID.

No acto, celebrado onte no Teatro García Barbón de Vigo, estiveron tamén a directora xerente da TVG, Rosa Vilas, e o xerente da Fundación Novacaixagalicia, Pedro Otero. Ambos destacaron o apoio das entidades que representan a este proxecto. A directora do TVG recordou o 'éxito da serie dos Bolechas', mentres que Otero recordou que o compromiso de Novacaixagalicia cos Bolechas non é novo, pois xa colaboraron 'noutros proxectos de grande éxito'.

Te puede interesar