Roberto Rivas, o enxeñeiro total

Rivas Martínez, Roberto. Orense, 5.II.1908 – Madrid, 9.X.1986 Militar, ingeniero, economista y profesor.
photo_camera Rivas Martínez, Roberto. Orense, 5.II.1908 – Madrid, 9.X.1986 Militar, ingeniero, economista y profesor.
Titulado en catro enxeñerías -doutor en tres delas- ademais de doutor en Ciencias Económicas, calquera outra persoa precisaría de varias vidas para conseguir o currículo académico deste ourensán, pioneiro das telecomunicacións españolas

O visionado da película sobre o físico americano que apadriñou a bomba atómica, Robert Oppenheimer, fíxome pensar en posibles ourensáns que navegaran de vez polos profusos mares da ciencia e da tecnoloxía. A casualidade quixo que se me presentara de fronte a inconmensurable figura doutro “Robert”, neste caso Roberto Rivas Martínez, fillo dun alcalde de Ourense dos tempos da ditadura primorriverista e explorador incansable de tódalas ramas posibles da enxeñería, da electricidade e das telecumunicacións.

Escribiu, un dos seus biógrafos, Carlos Viscasillas,  en 2015, na revista titulada “Mol”, editada pola Sociedade de Ciencias de Galicia, que Roberto Rivas Martínez foi unha persoa “polifacética y de especial talento, que contó entre sus múltiples grados y diplomas, con los siguientes: subinspector general del Cuerpo de Ingenieros de Armamento y Construcción del Ejército; doctor ingeniero geógrafo; doctor ingeniero de Telecomunicaciones; doctor ingeniero de Armamento; doctor en Ciencias Económicas; ingeniero superior electricista por la Universidad de Lieja (Bélgica); ingeniero jefe superior del Cuerpo de Ingenieros de Radiodifusión y Televisión del Ministerio de Información y Turismo; vocal de la Comisión Permanente Española de Electricidad y de la Comisión Electrónica Internacional; vocal-secretario del Comité Nacional de la Unión Científica Internacional de Radio y vocal del Comité Español de la Unión Internacional de Física Pura y Aplicada. Además fue profesor especial de Electrónica, Electricidad y de Equipos de Radar, misiles y recalibración metrológica en la Escuela Politécnica Superior del Ejército y miembro de la Academia de Doctores”.

Pedindo desculpas pola profusión -tan pouco xornalística- de datos, pero tan descritiva do perfil profesional ó que nos enfrontamos, vexamos, entón quen foi e que vínculos ten coa provincia este “enxeñeiro total” que estivo presente en tódolos estamentos posibles nos que se asentaron as bases do sector eléctrico, da metroloxía, da enxeñería armamentística, da informática e das telecomunicacións españolas entre o remate da guerra e a súa xubilación.

Roberto Rivas era fillo do avogado Narciso Rivas e de Concepción Martínez Baladrón, orixinarios ambos da casa grande de Sestelo (Silleda) , que decidiron residir en Ourense ó montar Narciso un despacho de avogado nesta cidade, en cuxa sociedade se insertou logo, chegando a poñerse á fronte da alcaldía entre 1923 e 24 e na que naceron os seus cinco fillos.

Roberto -o segundo deles- faríao en 1908 e con só 17 anos xa estaba formándose na Academia de Artillería de Segovia, acadando o grao de tenente cinco anos despois xunto coa titulación de profesor de Educación Física na Escola Central de Ximnasia.

Malia a estas exploracións formativas iniciáticas, Roberto xa se sentira atraído con forte magnetismo pola enxeñería e en 1931, “por sus conocimientos y sus méritos” consegue unha beca para realizar estudos de electricidade e electrotécnica no Instituto Montefiore da Universidade de Lieja (Bélxica), abrindo, con esta graduación internacional, a caixa de pandora de tódalas titulacións xa relatadas.

De regreso de Lieja instálase en Madrid e alí matricúlase na Escola Oficial de Telecomunicacións, pero rematado o segundo curso e pasando as vacacións en Vilagarcía, o son dos tambores da guerra entra pola súa porta e acaba mobilizado como xefe de Transmisións de Pontevedra e posteriormente na fronte de Asturias “al mando de una batería pesada”.

Ascendido xa a capitán de artillería e aproveitando “un escampo”, en setembro de 1938 e “en el oratorio de la casa de los señores Martínez Baladrón” -recolle a prensa compostelá- casa con “la señorita María Martínez Baladrón García”, tamén curmá súa, tal como fixeran seu pai e seu avó.

Finalizada a guerra, comeza a compaxinar a interminable formación académica cunha non menos extensa actividade profesional dentro e fóra do país e que por veces manteno ligado ó exército e outras a diversos estamentos técnicos gubernamentais tan pioneiros coma a elaboración dos primeiros mapas catastrais do Estado, a Comisión Nacional de Metroloxía e Metrotécnica, a investigación en radio-telemetría para a localización de avións, a dirección técnica da embrionaria TVE, así como na cadena SER, nas primeiras probas de desenvolvemento dun robot, no nacemento da informática e incluso na comisión encargada do estudo das armas atómicas, no Centro Nuclear de Moncloa. Falecido en 1986, por todo isto e máis, Roberto Rivas forma parte do dicionario biográfico das personalidades europeas contemporáneas.

Roberto José Rivas e a súa dona, Eugenia Espinosa de los Monteros, en 2004.
Roberto José Rivas e a súa dona, Eugenia Espinosa de los Monteros, en 2004.

A casa nutricia de Sestelo, onde se deron catro xeracións de vodas entre curmáns

Aínda que o paso da familia Rivas Martínez por Ourense non foi, nin moito menos, ocasional -non en van nesta cidade xurdiron sucesores tan coñecidos coma o noutrora responsable do Museo Municipal, o historiador Juan Carlos Rivas-, a relación principal da torgueira tivo -e aínda hoxe mantén- alicerce no lugar de Siador, do concello de Silleda, onde se sitúa o coñecido Pazo de Sestelo, de onde, debido a unha curiosa circunstancia, eran orixinarios o pai e a nai de Roberto, circunstancia, esta, que o propio Roberto tamén axudou a alimentar.

A información recollémola dun obituario publicado no xornal Galicia Digital polo biógrafo de Roberto pai con motivo do falecemento do seu fillo, chamado Roberto José, o pasado mes de maio. Nel, Carlos Viscasillas aborda a relación que Roberto fillo (avogado de prestixio e existoso empresario en Madrid) mantivo co devandito pazo en particular e con Silleda e a bisbarra do Deza en xeral, así como os correspondentes enlaces mantidos entre os seus antepasados.

Pazo de Sestelo, Siador (Silleda)
Pazo de Sestelo, Siador (Sede de la Fundación Roberto Rivas en Silleda)

“Cabe destacar -di Viscasillas- que tanto Roberto, como o seu pai tamén Roberto, o seu avó Narciso e o seu bisavó Elías, todos eles compartiron o mesmo apelido Rivas Martínez durante catro xeracións”. E isto foi porque Roberto Rivas -pai- casou coa súá curmá María Dolores Martínez, seguindo os pasos de seu pai, Narciso Rivas, quen fixera o mesmo coa súa curmá Concepción Martínez, ó igual que o o seu predecesor Elías Rivas cando ligou a súa vida á da súa curmá Florentina Martínez, remedando ó patriarca, Francisco María Rivas, que foi quen iniciou a xeira dos Rivas-Martinez ó casar con Carmén Martínez Núñez, “da casa de Vista Alegre, no foxo de Silleda”.

Roberto José rompería con esta tradición cando casou coa herdeira do marquesado de Torre Tagle, Eugenia Espinosa de los Monteros, coa que, na memoria da importante traxectoria en tantos aspectos ligados á tecnoloxía, á informática e ás telecomunicacións de seu pai, no ano 2011 promoveu a creación dunha fundación que leva o nome de ámbolos dous e que ten como obxectivo “o emprendemento social e o desenvolvemento local en entornos rurais co fin de xerar oportunidades que propicien o arraigo da poboación ó territorio”.

Te puede interesar
Más en Sociedad