Opinión

Oppenheimer

Openheimer.
photo_camera Oppenheimer.

En Oppenheimer e Barbie, así como en Indiana Jones y el dial del destino, puxéronse as esperanzas da industria cinematográfica. E o resultado foi mellor da previsión mais prometedora. En pleno verán, no medio das reivindicacións dos guionistas, o fin de semana pasado foi o cuarto máis taquilleiro da historia do sétimo arte.

As cifras premian sobre todo a Barbie, ao igual un importante mérito deste éxito é de Christopher Nolan. O director de El caballero oscuro, Interstellar e Tenet mantense fiel as súas obsesións, cimentándose esta vez co xénero do biopic. O seu último filme é un retrato do físico teórico estadounidense de orixe xudía, Julius Robert Oppenheimer. Encargado do proxecto Mahnattan, foi o creador da primeira bomba nuclear da historia. O artefacto lanzouse sobre as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki e historicamente foi o acontecemento que puxo fin á Segunda Guerra Mundial.

O director de El caballero oscuro, Interstellar e Tenet mantense fiel as súas obsesións, cimentándose esta vez co xénero do biopic

Oppenheimer ten a marca Nolan aínda que é un biopic atípico. É un drama con tinguiduras de espionaxe internacional, que se desenvolve en tres liñas temporais diferentes que se entrelazan perfectamente entre si grazas a un guión moi sólido. A vida do enigmático físico, contada en branco e negro e cor, relata a evolución das teorías sobre a fusión nuclear e as consecuencias que tiveron a nivel mundial, sobre todo despois da Segunda Guerra Mundial. No capítulo dedicado ao proxecto Manhattan, Nolan non esquece o traballo doutros científicos como Enrico Fermi ou Richard Feynman.

“Agora convertinme na morte, o destrutor de mundos”. Esta frase, que pertence ao texto sacro hinduísta Bhagavad-gītā, repítese dúas veces na película, pero parece estar sempre presente

Fálase de fisión nuclear, do efecto túnel, de buracos negros, entre outros conceptos, pero a diferencia de Tenet, aquí para entender o filme non hai que ter un máster en Física. Hai un esforzo por parte do director de chegar ao gran público sobre todo para evidenciar os efectos devastadores desta revolucionaria descuberta. No filme lémbranse as palabras que a Oppenheimer viñéronlle á mente cando viu o alcance aniquilador que podería chegar a súa obra: “Agora convertinme na morte, o destrutor de mundos”. Esta frase, que pertence ao texto sacro hinduísta Bhagavad-gītā, repítese dúas veces na película, pero parece estar sempre presente. Aparece moi claramente nas visións do seu protagonista que son os momentos mais evocadores e terroríficos do filme.

En xeral, en Oppenheimer hai unha dignificación do traballo bastante relevante

Por outro lado, Nolan converte o científico nunha vítima do macartismo, da “caza de bruxas” que marcou a política estadounidense na primeira metade dos anos cincuenta como consecuencia da Guerra Fría. A película oscila entre a parcial condena e a absolución completa do prométeo moderno. Desde o punto de vista moral, Nolan mantense enigmático como o seu protagonista, e non acaba de posicionarse claramente, a favor ou en contra, del. En xeral, en Oppenheimer hai unha dignificación do traballo bastante relevante.

Todos parecen estar no seu lugar, actuando en favor da profesión, desde os científicos ata os militares pasando polos avogados. Neste mundo onde cada un expresa o mellor de si a través da súa vocación profesional, os únicos que parecen fora de lugar son os políticos. Os peores retratados, quizais os verdadeiros viláns da película e da Historia, resultan ser o presidente Harry S. Truman e Lewis Strauss.

Oppenheimer é a película máis ambiciosa de Christopher Nolan. É o resultado, entre outras, de 180 páxinas de guión. Custou 180 millóns e rodouse en 57 días. É o triunfo do analóxico en plena era dixital, coas explosións reais e 200 kg de película en IMAX 70mm e longa 6,5 km. Ten unha posta en escena impecable, un ritmo intenso, un reparto de actores e actrices sobresaínte onde destacan Cillian Murphy, Robert Downey Jr., Matt Damon e Florence Pugh. Marca o pulso unha banda sonora inmensa, firmada por Ludwig Goransson, unha partitura na que ata os silencios impóñense. Oppenheimer ten unhas cantas imaxes poderosas e terroríficas que se quedarán para o recordo. É un acontecemento cinematográfico que vai máis aló do seu importante resultado en taquilla e que non hai que perdelo.

Te puede interesar