O valedor do pobo pretende a difusión do sistema de detección nos centros escolares de Galicia

Un test a menores permitirá detectar o mal uso de Internet

O valedor do pobo, José Julio Fernández Rodríguez, e o profesor Antonio Rial Boubeta. (Foto: LAVANDEIRA JR)
O valedor do pobo, o ourensán José Julio Fernández Rodríguez, presentou onte un sistema pioneiro, baseado nun test, para a detección do uso problemático que os adolescentes fan de Internet. O proxecto levouse a cabo despois de coñecer os resultados do informe extraordinario 'Adolescentes e Internet en Galicia', elaborado en 2011, que alertou sobre os hábitos de consumo que os mozos na rede.
Ante esta realidade, o Valedor creou no seu día, a través dun grupo de expertos galegos, un 'instrumento de detención precoz do uso problemático de Internet entre os adolescentes', según destacou Fernández. Pola súa banda, Antonio Ruibal Boubeta, profesor de psicoloxía da USC e director do proxecto, explicou que o instrumento é unha ferramenta de cribado, non de diagnóstico, que funciona mediante unha 'sinxela enquisa' de 11 ítems a través da cal se poden discriminar casos de risco e emprender as actuacións necesarias.


ALERTA SOCIAL

Ademais, Ruibal advertiu que asociacións e colexios que colaboran co proxecto trasladaron que realmente existe un problema e que se pode falar de 'alerta social' neste segmento da poboación 'especialmente vulnerable'. Por outro lado, fixo un chamamento aos pais para que teñan control de cando e como navegan os menores. Así mesmo, engadiu que 'hai que falar con moita cautela' sobre estes temas e sobre o seu tratamento, xa que a 'ciberdepencia' non está recoñecida como problema, é dicir, 'non existen criterio médicos consensuados'. Por iso, se un novo presenta un problema deste tipo, Ruibal recomenda traballar cos pais e cos centros educativos.

O director do proxecto explicou que a ferramenta é 'breve e sinxela' para que todo o mundo a poida utilizar. Abonda con que os adolescentes respondan ao cuestionario adaptado ao contexto cultural galego e tamén á lingua utilizada.

O uso deste instrumento non só permite detectar os suxeitos que mostran risco alto de uso en Internet senón tamén afondar na caracterización dunha posible adicción.

José Julio Fernández informou por último de que a seguinte fase deste proxecto é chegar a un acordo coa Xunta para difundir esta ferramenta nos colexios de Galicia e mesmo facela accesible para que os propios pais poidan utilizala na súa casa. Ademais, tamén se estuda a idea de implantar o estudio de dos riscos da rede nos últimos cursos de primaria.

Te puede interesar
Más en Sociedad