UNIVERSIDAD

Industriais recupera a celebración do seu patrón

Entre o luns 25 e o mércores 27 haberá diversas actividades como filloada, música, concursos ou torneos deportivos

Será un xeito diferente de percibir a enxeñaría e as súas aplicacións e, ao tempo, unha alternativa á celebración do patrón da Escola de Enxeñaría Industrial que se tiña convertido nun multitudinario botellón. Estes son os dous piares fundamentais da I Revolución Industrial’Es, unha proposta da Delegación de Alumnos da EEI coa que queren recuperar a festividade do seu patrón, Entre o vindeiro luns 25 de marzo e o mércores 27, as dúas sedes da escola acollerán actividades como unha filloada, actuacións musicais, torneos deportivos ou o concurso para deseñar un emblema para o centro. 

Neste empeño por deixar atrás a celebración do San Pepe, no que participaban moitas persoas alleas á comunidade universitaria e que carecía de ningún programa de actividades, a delegación de alumnado conta co apoio da Reitoría, que porá en marcha medidas para evitar o botellón na praza Miralles.

Outra vertente desta festa é a solidaria, para o que estas actividades se vincularán ao proxecto da Axenda 2030 e aos seus 17 Obxectivos para o Desenvolvemento Sostible. Así, as entradas serán a través da doazón de alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos. Por outra banda, o alumnado conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade, para que os eventos se desenvolvan dun xeito inclusivo e sen dar cabida a posibles discriminacións de ningunha índole, e coa cooperación da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, que organizará dúas pausas saudables, para a integración dos bos hábitos na comunidade, que serán o martes ás 12.00 e ás 17.00 horas na sede cidade. O programa complétase cun torneo de xadrez que arranca o luns 25 e remata o mércores 27 e varios partidos de balón prisioneiro o martes.

Te puede interesar