Universidad

A UVigo lanza seis títulos propios gratuítos para a capacitación dixital

Alumnos de la Universidad de Vigo, en una foto de archivo.
photo_camera Alumnos de la Universidad de Vigo, en una foto de archivo.
Os cursos, no eido do transporte, loxística e mobilidade, impartiranse en Vigo e Ourense, e algúns poderán ser online

A Universidade de Vigo vén de captar unha importante financiación do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, para a formación en competencias dixitais no eido do transporte, mobilidade e loxística. Esta convocatoria, enmarcada no Plan de Recuperación Transformación e Resilencia e financiada polo Fondo Europeo de Recuperación - Next Generation EU, permitirá acceder á cidadáns dun estado membro da Unión Europea a formación universitaria totalmente subvencionada.

Dúas titulacións en Vigo

A Facultade de Comercio na cidade de Vigo impartirá  o título propio de  “Innovación no modelo de negocio da nova mobilidade”. Este curso, semipresencial, é unha aproximación, dende as ciencias sociais, aos retos que expón a mobilidade do futuro prestando especial atención á cultura emprendedora, aos novos modelos de negocio e á innovación no desenvolvemento de solucións de mercado e novas propostas de marketing.  A Escola de Enxeñaría Industrial, na súa sede do Campus Universitario, acollerá a titulación “Tecnoloxías de dixitalización aplicadas á loxística industrial” que  formará ao alumnado nas solucións de dixitalización e automatización de almacéns loxísticos e nos sistemas de simulación aplicados ó movemento de produtos nas instalacións. Ademais, contará con prácticas no laboratorio de manutención e loxística industrial das instalacións da universidade, o escenario perfecto para completar a formación.

Catro en Ourense

En Ourense o centro neurálxico destas formacións será a Escola Superior de Enxeñaría Informática, dándolle ao alumnado a posibilidade de escoller entre a modalidade presencial ou ben atender ás clases de forma virtual. Ofértanse en total catro cursos: Transformación áxil das organizacións; Infraestruturas de datos aplicados ao sector do transporte, Dixitalización do sector transporte e loxística e Comunicación dixital para a mobilidade.

O título propio de “Transformación áxil das organizacións” permitirá aplicar técnicas e metodoloxías de xestión e transformación áxil nas súas organizacións. Mellorando a calidade do proceso as organizacións terán un mellor control do mesmo, tendo máis capacidade de predición, control de tempos e redución de custos.

Pola súa parte, a titulación en “Infraestrutura de datos aplicados ao sector do transporte”, formará ao alumnado para entender a arquitectura de datos e as ferramentas necesarias para a súa manipulación e explotación. Trátase de aproveitar a xestión de datos das empresas para optimizar as operacións e analizar os datos de cara a toma de decisións.

Outra das formacións,  “Dixitalización do sector do transporte e loxística”, atende ás necesidades do sector que requiren dunha transformación dixital sen deixar de lado as cuestións éticas e políticas do proceso. Trataranse solucións como eCMR, sistemas de etiquetaxe dixital, xestión asistida de almacén e planificación de rutas entre outras. 

E por último  “Comunicación dixital para a mobilidade”, que aportará competencias para entender e aplicar as novas estratexias de comunicación para a creación de novos modelos de negocio e oportunidades. Aplica os avances na dixitalización, como a xeolocalización, ou a inmediatez  dos novos canais de comunicación para crear experiencias de usuario únicas e personalizadas, e mellorar a interacción co usuario.  Agora o obxectivo é que a cidadanía e as empresas sexan coñecedoras desta oportunidade formativa na UVigo e participen nestes cursos. As competencias dixitais eríxense así coma un elemento fundamental para conseguir que a sociedade e as empresas españolas afronten os retos e aproveiten as oportunidades que ofrecen  as novas tecnoloxías. Agardando que estas formacións permitan un importante impacto no desenvolvemento da contorna, buscando sinerxías co tecido produtivo de Galicia e outras rexións da península.

Sen requisitos de acceso e de balde para as persoas interesadas

Con inscrición xa aberta o Campus Aberto da Universidade de Vigo ofrecerá un total de seis títulos propios, todos eles de balde, sen necesidade da ABAU ou de formación universitaria previa para cursalos, e abertos a toda a cidadanía europea ou con permiso de residencia no territorio español. Os cursos comezarán a partir do próximo mes de outubro, e impartiranse en Vigo, na Facultade de Comercio e na Escola de Enxeñaría Industrial do Campus, e en Ourense na Escola Superior de Enxeñaría Informática.

A información para matricularse nestes cursos pode atoparse na páxina web do Campus Aberto da Universidade de Vigo: campusaberto.uvigo.gal. As preinscricións están abertas ata o venres 6 de outubro ata que se esgoten todas as prazas.

Te puede interesar