Aprendendo a poñer voz ás interpretacións alleas

do2_result
photo_camera Alumnado do curso co coordinador, Xoán Montero, no centro da imaxe.

Unha vintena de estudantes cursa o único título universitario de especialista en dobraxe impartido en España

Dunha banda, danse cita o desexo de aprender e perfeccionar o aprendido, a procura dunha saída laboral e mesmo a paixón. Doutra, a experiencia, a profesionalidade que outorgan décadas de traballo, o pracer de ensinar e tamén a paixón. E é que paixón pola dobraxe é a que se respira entre o alumnado e o profesorado do Título propio de Especialista que comezou a impartirse en setembro por primeira vez na Universidade de Vigo e tamén nunha institución académica pública en España. En cinco días o curso cubriu todas as prazas que ofertaba entre actores e actrices de dobraxe, alumnado dos ámbitos da comunicación audiovisual, lingüístico, dereito e “mesmo profesionais con máis de vinte anos de experiencia no sector da dobraxe”, segundo explica Xoán Montero profesor do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo e coordinador do curso.

Non vinte, pero xa algúns anos leva Uxío Couto investigando o mundo da dobraxe en Galicia e xuntando no seu arquivo documentos e gravacións. “O curso ofréceme a posibilidade de dedicar máis horas a formarme como investigador”, asegura tamén este actor de dobraxe, “algo que fago de xeito autodidacta desde hai anos, cando a profesión en Galicia atravesa unha forte crise e a pouca frecuencia de traballo impide estar en forma cando corresponde”. Non do mundo da dobraxe procede Iria Faro, outra alumna do curso, que rematada a carreira de Tradución e Interpretación e tras un ano no estranxeiro, decidiu matricularse neste curso por que “sempre quixen traballar para os medios culturais e pareceume xenial complementar o mestrado. Se podo traducir películas, por que non dobralas?”.

Fan posible que Jeremy Irons, Robert de Niro, Meryl Streep ou Daniel Craig falen galego. Son algúns dos dobradores e dobradoras máis destacados do país, que desta volta se enfundan o traxe de docente para transmitir os seus coñecementos ao alumnado do Título propio de Especialista en Dobraxe. Actor e director de dobraxe e actor en series como Matalobos, El secreto de Puenteviejo ou en longametraxes como O lapis do carpinteiro ou 18 comidas, o tamén presidente da Academia Galega do Audiovisual, Antonio Mourelos, encargase de achegar ao estudantado do curso a parte práctica da dobraxe.

Te puede interesar
Más en Universitas