UNIVERSITAS

Un congreso de ciencias do deporte reunirá na cidade 400 expertos

gal1-3-_result
photo_camera Inauguración da anterior edición deste congreso internacional.

Será do 7 ao 9 de maio e participarán representantes de España, Reino Unido, Cuba e México

Das diferencias que existen nos métodos de adestramento entre os atletas españois e os kenyanos á importancia do deporte para a saúde e o desenvolvemento dos nenos e nenas, sen deixar de lado a aplicación das novas tecnoloxías á practica da actividade física ou do que pode achegar ao rendemento deportivo o control da frecuencia cardíaca. Moitos serán os eixos temáticos do XI Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Educación Física, que se desenvolverá no Pazo da Cultura de Pontevedra entre o 7 e o 9 de maio e que avoga por un enfoque multidisciplinar como o mellor xeito de actualizar coñecementos “nun ámbito no que todo avanza a pasos axigantados”, como resalta o director xeral do seu comité organizador, Víctor Arufe.

Promovido polo Concello, a Vicerreitoría do campus, a asociación Sportis Formación Deportiva e o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña, este congreso internacional agarda poder reunir un ano máis a preto de 400 persoas nunhas xornadas que contarán con relatores chegados do Reino Unido, México ou Cuba.

“Hoxe en día, atopámonos nun mundo cambiante e tanto as novas tecnoloxías como os avances realizados noutras ciencias inflúen directamente nos conceptos e fundamentos das áreas relacionadas coa educación física e o deporte”, destaca o profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e presidente do comité organizador, José Luis García Soidán, que incide no enfoque multidisciplinar como un dos principais valores dun congreso que trata de achegar a alumnado, titulados e profesionais unha visión o máis ampla posible do que significan as ciencias do deporte. Non en van, como sinala Arufe, profesor da Universidade da Coruña, a práctica de actividade física “é un fenómeno sociocultural, polo que sempre xorden novos métodos de adestramento e novas tendencias deportivas, o que obriga a estar en constante renovación e actualización”, tendo en conta ademais que este é un eido "que se nutre de distintos ámbitos, polo que é preciso saber un pouco de nutrición, de medicina, de biomecánica, de antropoloxía...” n

Te puede interesar
Más en Universitas