UNIVERSITAS

Convocan a manifestarse contra “os ataques ao ensino público”

gal1-5-_result
photo_camera Calo e Cambeiro deron lectura ao manifesto asinado polas organizacións convocantes.

A Liga Estudantil Galega presentou a manifestación que hoxe ás 12.00 partirá da Peregrina

Contra os recortes, por un ensino popular, antipatriarcal, galego científico e de calidade”. Este é o lema baixo o que diferentes organizacións estudantís convocaron para hoxe unha xornada de folga no ensino medio e superior. Co obxectivo de facer patente o rexeitamento aos “ataques contra o ensino público”, os representantes da Liga Estudantil Galega en Pontevedra veñen de convocar ao alumnado da cidade a sumarse á manifestación que partirá ás 12.00 horas da Praza da Peregrina e coa que tratarán de que, “cunha soa voz”, os estudantes amosen a súa oposición aos recortes no ensino ou a que “a universidade sexa cada vez máis un servizo que moi poucas podemos pagar”.

Representantes da organización estudantil, unha das convocantes, xunto Comités, Agir e outros 13 colectivos, dun paro ao que se suman tamén as dúas xornadas de folga convocadas en toda España polo Sindicato de Estudantes para os días 25 e 26, presentaron na tarde do luns unha manifestación que responde á “necesidade de saír ás rúas e visibilizar o noso descontento co sistema educativo actual”. Así o destacou Rebeca Cambeiro, responsable comarcal da Liga en Pontevedra, na presentación que tivo lugar na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia e na que estivo acompañada por Alberte Calo, Eva Mirás, Noé Valtierra e Javier Brea.

Tras dar lectura ao manifesto consensuado polas diferentes organizacións promotoras desta xornada de folga en Galicia, no que se alerta da “cada vez maior falta de expectativas de futuro” do alumnado e se reivindica “un ensino público e gratuíto”, os representantes da Liga Estudantil Galega criticaron tamén o decreto de reordenación dos estudos universitarios recentemente aprobado polo Goberno central e que abre a posibilidade de implantar graos de 3 anos e mestrados de 2. Segundo explica Cambeiro, “no momento no que se convocou a folga esta medida aínda non estaba aprobada, pero súmase ás razóns das protestas, porque o único que vai facer é encarecer aínda máis os estudos”. Neste senso, a representante da Liga incidiu en que “cursar un ano de grao supón un gasto aproximado duns 700 euros, mentres que un ano de máster é máis do dobre, arredor de 1.500” e denunciou que “esta medida non vai mellorar o ensino universitario”, senón contribuír a que “cada vez máis xente teña que abandonar os estudos por problemas económicos”.

Te puede interesar
Más en Universitas