Unha década de traballo por amor á arte

photo_camera Inauguración da exposición.

Ata o 22 de febreiro pódese visitar a exposición da Colección Alterarte no Museo Municipal de Ourense

O amor pola arte do campus de Ourense, recollido nun espazo expositivo. O Museo Municipal de Ourense será o refuxio durante os dous vindeiros meses dunha ampla selección de pezas da Colección Alterarte, un legado artístico creado coas obras que foron doando todos e cada un dos autores e autoras que pasaron pola Sala Alterarte nos seus dez primeiros anos de vida e que deu paso a un conglomerado de pezas de extraordinario valor e significado para o campus ourensán. Pintura, escultura, debuxo, fotografía, vídeos, carteis, etcétera, unha retrospectiva cunha gran variedade de estilos pertencentes a máis de 60 artistas que colaboraron de xeito importante á formación dunha colección que aspira a converterse en referente do coleccionismo universitario e que poderá visitarse ata o vindeiro 22 de febreiro. "Gustaríame salientar o traballo de todas e todos os comisarios que se ocuparon cada unha das 62 exposicións que acolleu durante estes 10 anos esta sala, e a todas e todos os artistas que protagonizaron esas exposicións e que nos foron legando as súas", agradeceu o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

Con esta espectacular exposición, a Sala Alterarte quere festexar o seu décimo aniversario e “amosar todas as posibilidades expresivas da arte nova galega, nacional e internacional que pasou por Ourense” nos últimos anos, segundo explicou o director da sala e comisario da mostra, Xosé Manuel Buxán. As pezas da colección aparecen agrupadas en tres eixos temáticos que xiran arredor do corpo, da abstracción e do territorio, a paisaxe e a arquitectura.

Te puede interesar
Más en Universitas