UNIVERSITAS

Dez anos de exposicións, 62 artistas e 160 páxinas para divulgalos

gal1a_result
photo_camera O campus celebrou este martes a presentación do catálogo da Colección Alterarte.

O catálogo recolle información sobre as pezas cedidas á Universidade polos creadores

 Durante dez anos de existencia, a Sala Alterarte de arte contemporánea do campus de Ourense acolleu algo máis de 60 exposicións. Durante ese tempo, cada un dos artistas participantes nelas cedeu á Universidade unha peza da súa autoría que pasou a formar parte dos fondos desta sala de apenas 60 metros cadrados. Co gallo do décimo aniversario deste espazo expositivo, edítase agora o catálogo desta Colección Alterarte. Son 160 páxinas que contan a historia dun compromiso cos artistas noveis e que constitúen unha ventá aberta á creación artística máis puxante.

A presentación da publicación tivo lugar este martes no Centro Cultural Marcos Valcarcel da Deputación de Ourense, contando o acto coa asistencia de Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Francisco González, director do Centro Cultural Marcos Valcárcel; Xosé Manuel Buxán e Ignacio García, comisarios da Sala Alterarte durante a súa década de funcionamento, e Xosé Lois Vázquez, deseñador do libro. “Este catálogo é ao mesmo tempo un fin e un medio. É un fin porque fai balance e compendia dez anos de traballo e un medio porque en clave interna nos permitiu facer unha exhaustiva catalogación dos nosos fondos e en clave externa porque permitirá facer máis visible a Sala Alterarte”, explicou Virxilio Rodríguez durante a presentación, presentación na que quixo gabar o papel xogado polos vicerreitores que lle precederon no cargo, María Lameiras, Juan Francisco Gálvez e Andrés Mazaira, e do técnico de Actividades Culturais Filemón Rivas na posta en marcha e consolidación deste espazo no campus.

O catálogo, lembrou Xosé Manuel Buxán, publícase despois da celebración a finais de 2014 e principios de 2015 dunha mostra no Museo Municipal de Ourense con parte destes fondos que a sala foi recompilando en dez anos de actividade e que hoxe en día constitúen un gran valor patrimonial para o campus. Con estas dúas accións, que levan a Alterarte alén das súas paredes, destacou Buxán, “conseguimos que a colección da sala esté viva, tanto no tecido da universidade como no da sociedade”. Na conformación desta colección, apuntou Ignacio García, foi fundamental “a xenerosidade dos artistas”, “a absoluta liberdade coa que contamos nela tanto comisarios como artistas” e a filosofía de apostar por un proxecto “que para moitos foi o primeiro apoio como artistas ao saír da facultade”.

Esa liberdade e independencia tamén foi tamén destacada por Francisco González, que lembrou a participación da Deputación de Ourense na orixe e desenvolvemento da Sala Alterarte, da que destacou o seu ”rigor e profesionalidade” e a súa “madurez e credibilidade”.n

Te puede interesar
Más en Universitas