PROGRAMA CAREERS AMBASSADOR

Un enlace para os estudantes que busquen emprego na Unión Europea

20161005104438421_result
photo_camera Dayana Álvarez.

A iniciativa pretende difundir entre o alumnado universitario as oportunidades laborais que ofrecen as institucións comunitarias.

A estudante do programa de simultaneidade ADE-Dereito Dayana Álvarez foi seleccionada pola Oficina de Selección de Persoal da Unión Europea (Epso) para participar no programa EU Careers Ambassador, unha iniciativa destinada a difundir entre o alumnado universitario as oportunidades laborais que ofrecen as institucións comunitarias e familiarizar ás persoas interesadas cos procesos de selección de persoal que empregan.

Ata o de agora o representante de España sempre fora algún alumno ou alumna da Universidade Autónoma de Madrid, pero este ano nomeáronse embaixadores adicionais noutras cinco universidades españolas, entre elas Vigo. A semana pasada asistiu en Bruxelas, xunto a outros estudantes universitarios de diferentes puntos do continente, a unhas xornadas de preparación. Xa de volta no campus a estudante inicia unha nova etapa como EU Careers Ambassador na Universidade de Vigo durante o curso 2016-2017.

 “Esta experiencia é todo un reto para min, pero afróntoo con moitas ganas”, explica Álvarez, satisfeita de que a Universidade poida contar con este foco de información que, “estou segura nos vai axudar a moitos estudantes, entre os que me inclúo”. Sempre lle gustou todo o relacionado coa Unión Europea e cando soubo desta convocatoria non dubidou en presentarse. “Sinceramente ao principio fixen a solicitude e o resto de trámites e tampouco lle dei moita máis importancia, xa que nunca pensei que, ao final, acabaría sendo seleccionada”, explica a estudante, ao que engade que “cando terminei a última entrevista e me dixeron que ía ser embaixadora foi un sentimento de alegría e medo ao mesmo tempo, alegría porque ía poder coñecer de preto como funciona todo e a tratar con xente que convive día a día nese ambiente e medo pola responsabilidade que supón e por non ter ningún referente previo na institución que me poida servir de guía”.

Durante a visita a Bruxelas tivo a oportunidade de convivir cos embaixadores e embaixadoras de diferentes universidades de Europa. Foron dous días “moi intensos e produtivos” nos que, ademais de presentarse, asistiron a un intenso programa de formación. “Ao traballar con representantes de diferentes países dinme conta de que distintas culturas, costumes e formas de pensar poden dar resultados asombrosos”, explica Álvarez, que adianta que unha das primeiras medidas postas en marcha foi a creación dunha rede de contactos entre embaixadores para “poder seguir manténdonos informados uns aos outros e axudarnos en todo o que poidamos”.

Te puede interesar
Más en Universitas