Martes ConVida, un plan afianzado que promove conductas saudables
Integrados no proxecto Campus da Auga ConVida, os Martes ConVida naceron no campus de Ourense e dende 2013 xa están extendidos nos outros dous campus da Universidade de Vigo. "Promover condutas e estilos de vida saudables entre a comunidade universitaria é un dos obxectivos desta iniciativa" da que nos fala hoxe Guillermo Santos Santos, coordinador da Área de Deporte e Saúde dos Campus de Ourense e Pontevedra e integrante da comisión técnica dos Martes ConVida.
Como naceron os Martes ConVida?
Foi unha iniciativa da Comisión Técnica do Campus da Auga ConVida, financiada polo Consello Social, e que busca crear, a través da investigación, a formación e a sensibilización, que a Uvigo sexa un entorno educativo que promova condutas e estilos de vida saudables entre as persoas que pertencen a súa comunidade.
En que consisten concretamente?
Trátase dunha acción de sensibilización sobre a comunidade universitaria, que proporciona a cada persoa un "feedback" inmediato sobre como é o seu estilo de vida e que debería facer para facelo mais saudable ao mesmo tempo que nos permite recompilar datos para a investigación que sirvan para monitorizar o estado xeral da comunidade universitaria neste ámbito
Cantas persoas traballades neste proxecto?
Somos oito persoas na comisión técnica as que traballamos na planificación do programa de actividades e dez as que traballan directamente nos expositores (2 especialistas tituladas en Nutrición, 2 en Enfermería, 1 en Ciencias da Actividade Física e Deporte, 1 especialista titulado en Sexualidade e prevención de drogas, 4 estudantes en prácticas e 1 coordinador). Cada persoa ten un papel específico, relacionado coa súa especialidade, e o alumnado en prácticas vai rotando entre as diferentes funcións para ter un coñecemento xeral de todos os ámbitos.
O éxito da iniciativa en Ourense animouvos a extenderla a Pontevedra e Vigo en 2013, que aceptación ten ahí?
Moi boa. No campus de Vigo imos variando as facultades para tentar chegar ó maior número de persoas da comunidade universitaria e no Campus de Pontevedra mantemos a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación como centro de operacións debido ao movemento que ten este centro debido ás características da propia facultade.
Cales son os vosos proxectos máis inmediatos?
Despois de 4 anos de desenvolvemento do proxecto Campus ConVida atopámonos inmersos de cheo no proceso de avaliación final do plan de actividades 2011-2015. O obxectivo é coñecer a efectividade das actuacións realizadas durante este tempo para poder tomar decisións obxectivas sobre a dirección que debe tomar o proxecto nos vindeiros anos. Calculamos que no mes de xuño xa teremos todos os datos analizados e poderemos comezar co deseño do seguinte plan cadrianual de actividades.