UNIVERSITAS

Música galega ao unísono, no campus de Ourense

gal1 (1)_result
photo_camera Virxilio Rodríguez e Filemón Rivas durante a presentación do programa.

A Vicerreitoría presentou unha programación estable de concertos

No marco da intensa programación cultural que cada curso se organiza no campus de Ourense, tanto para os membros da comunidade universitaria como para os cidadáns en xeral, a música tamén ocupa o seu oco. Co obxectivo de dar unidade e forza a esa programación, a Vicerreitoría do campus vén de por en marcha o proxecto Unison, unha iniciativa que nace co obxectivo de celebrar cada mes nalgún dos espazos universitarios un concerto fundamentalmente de música galega, de calquera dos seus estilos, desde música clásica a pop.  


Os acordeonistas Álvaro Pérez e Celia Adrián, o grupo Maskarpone, a Banda Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Ourense e a Banda das Crechas son os catro primeiros concertos que se celebrarán no marco desta iniciativa e que abranguerán o primeiro cuadrimestre deste curso académico. Segundo explicou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, este campus “destaca por manter unha programación cultural variada, diversa e activa tanto para a comunidade universitaria como para a cidadanía, unha oferta sólida e estable en moitas das súas actividades”. Co obxectivo concreto de darlle corpo e “visibilizar de xeito claro” as actividades musicais que se viñan realizando cada ano, recalcou, nace agora Unison, que pretende ser tamén “unha ventá de oportunidades” para sacar aos grupos galegos á escena na Universidade.

Te puede interesar
Más en Universitas