UNIVERSITAS

Nature Photonics faise eco dun láser do Grupo de Novos Materiais

_a1_result
photo_camera Stefan Stefanov, Stefano Chiussi e Alessandro Benedetti no laboratorio.

Asina o artigo Stefano Chiussi con científicos de Reino Unido, Alemaña e Suíza

Nature Photonics, a revista científica de referencia no eido da fotónica, faise eco no seu último número da creación dun novo láser, sen precedentes a nivel mundial, con importantes e novidosas aplicacións no mundo da biomedicina e as telecomunicacións desenvolto por investigadores do grupo de Novos Materiais da Universidade de Vigo en colaboración con científicos da Universidade de Leeds, o Centro de Investigación Jülich e o Centro Paul Scherrer.

“Trátase do primeiro láser baseado en aleacións de xermanio e estaño e abre o camiño cara a novos dispositivos ópticos cunhas características sen precedentes”, subliña Stefano Chiussi, da Universidade de Vigo, que asina o artigo xunto ao alemán Dan Buca e o británico Zoran Ikonic. “Levamos moito tempo traballando nesta liña de investigación”, recalca Chiussi, ao tempo que subliña o labor realizado nesta investigación por outros dous integrantes do grupo: Stefan Stefanov, que ultima a súa tese de doutoramento, e Alessandro Benedetti, do Servizo de Microscopía Electrónica do Cacti, o Centro de Apoio Científico e Tecnolóxico á Investigación, da Universidade.

A tecnoloxía láser permite emitir raios de luz moi concentrados e potentes grazas ás súas propiedades físicas, entre as que se atopan ter unha única lonxitude de onda e ser monocromática. Isto permite, segundo explican os investigadores, aplicacións moi variadas que van desde o corte industrial de precisión e a transmisión de grandes cantidades de información vía cable óptico ata a detección de contaminación e múltiples avances no ámbito biomédico, como a corrección da miopía, a eliminación de tumores e os diagnósticos rápidos e precisos.

O artigo en Nature Photonics é a primeira publicación de referencia rexistrada pola Rede Galega de Biomateriais, constituída en decembro de 2014 no marco do Programa de Consolidación de Unidades de Investigación Competitivas do Sistema Universitario de Galicia, promovido pola Xunta de Galicia, e nela intégranse máis de medio cento de investigadores xunto con persoal de apoio.

Os seus membros son o Grupo Novos Materiais, o Grupo TeamNanoTech e o Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo, todos eles integrados no Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo (IBI); o Grupo de Cirurxía, Radioloxía e Ecografía Experimental Veterinaria e o Grupo de Cirurxía da Universidade de Santiago de Compostela, o segundo deles vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria IDIS-CHUS; e o Grupo de Bioenxeñería Tisular e Terapia Celular, adscrito ao instituto Inibic-Chuac.

Te puede interesar
Más en Universitas