UNIVERSITAS

Nature Photonics recolle o artigo no que colabora Marcos Curty

Marcos Curty, traballa en criptografía cuántica, unha área de coñecemento enfocada a garantir a transmisión de datos ou información dun xeito completamente seguro

Dende hai varios anos, o investigador de AtlantTIC e profesor da Universidad de Vigo, Marcos Curty, traballa en criptografía cuántica, unha área de coñecemento enfocada a garantir a transmisión de datos ou información dun xeito completamente seguro. Tal e como o propio Curty indica, “a criptografía cuántica permítenos ter comunicacións totalmente seguras” xa que son sistemas "que non se poden romper” afirma, por iso no mundo actual, no que o intercambio de información sensible a través de internet crece a diario, institucións, empresas e gobernos traballan para crear redes seguras baseadas neste tipo de protocolos.

Grazas ao seu traballo en colaboración con outros grupos internacionais en institucións de referencia como o Massachusetts Institute of Technology, o Oak Ridge National Laboratory, as universidade de Toronto, Osaka e Xenebra e empresas de telecomunicacións como NTT ou Toshiba, entre outros, Curty incluíu os seus estudos sobre criptografía cuántica en publicacións como Nature Photonics. Esta revista científica, referente na investigación de fotónica, optoelectrónica, ciencia do láser, imaxes e comunicacións ópticas, publica no seu número de decembro un novo artigo no que participa Curty, titulado Discrete and continuous variables for measurement-device-independent quantum cryptography, e centrado en demostrar a viabilidade da utilización destes protocolos totalmente seguro en áreas metropolitanas, non exclusivamente para transmisións a longa distancia. 

Os métodos actuais de criptografía non son totalmente seguros. A súa seguridade depende en xeral dos recursos computacionais que destinen as persoas que queiran rompelos e as capacidades e sistemas que existen na actualidade os converten xa en vulnerables. A criptografía cuántica soluciona esa problemática, achegando solucións absolutamente seguras e fiables para a transmisión de información. O investigadores saben que é completamente segura porque se basea nos principios teóricos da mecánica cuántica.

Sen embargo, unha cousa é a teoría e outra é a práctica e así, en 2010, investigadores da Universidade de Waterloo demostraron a dificultade de lograr que as implementacións experimentais de criptografía cuántica cumpran os requisitos impostos pola teoría para lograr seguridade absoluta. En concreto, nun traballo tamén publicado en Nature Photonics, estes investigadores probaron que dentro dos sistemas de encriptado cuánticos existe un elemento vulnerable: os detectores ópticos.

Te puede interesar
Más en Universitas