ECOLOXÍA NA UNIVERSIDADE

Pontevedra convértese no primeiro campus español con bandeira verde

"Trátase dun recoñecemento a un longo traballo e ser o primeiro campus de España en obtelo é algo que nos fai sentirnos aínda máis orgullosos", salienta o vicerreitor Corbacho.

A primeira bandeira verde coa que a FEE (Foundation for Environmental Education) recoñece en España a un campus universitario polo seu traballo en materia de xestión e educación ambiental ondeará en Pontevedra.

Así o vén de determinar o xurado nacional do proxecto Green Campus, que coordina en España a asociación ADEAC (Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor), e que por unanimidade acordou conceder a este campus da Universidade de Vigo a Bandeira Verde Green Campus, un distintivo que no presente curso só lucirá na Xunqueira e en dous centros da Universidade da Coruña, a Facultade de Ciencias da Saúde e a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica.

"Trátase un recoñecemento a un longo traballo e ser o primeiro campus de España en obtelo é algo que nos fai sentirnos aínda máis orgullosos”, salienta o vicerreitor Juan Manuel Corbacho, da resolución pola que estas dúas universidades galegas se suman ás quince institucións académicas de oito países que xa contan con esta distinción en Europa.

Un traballo que, como resalta, “iniciouse co anterior equipo e no que é preciso facer constar o traballo da anterior vicerreitora, Antonia Blanco”, que se verá completado en novembro co acto no que a Universidade recibirá a súa bandeira verde. Unha distinción que servirá tamén “como tarxeta de presentación do proxecto de especialización Campus CREA, que ten no medio ambiente un dos eixos”, como engadiu Corbacho.

Te puede interesar
Más en Universitas