UNIVERSITAS

Tesouros da Costa Licia e da Capadocia como destino

gal01-2-_opt
photo_camera Un grupo de participantes na Viaxe de Estudios Arqueolóxicos

24 persoas participan na VI Viaxe de Estudos Arqueolóxicos

Turquía, ponte entre oriente e occidente e berce de civilizacións, é un dos países máis ricos en tesouros arqueolóxicos do mundo preclásico e clásico, cunha das maiores concentracións de obras de arte rupestre de distintas épocas e culturas e cunha extensión que permite “varias visitas sen repetir nada”. Por iso está a ser por segunda vez o destino da VI Viaxe de Estudos Arqueolóxicos que cada curso organizan o Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo e a Delegación de Alumnos da Facultade de Historia do campus de Ourense. Nesta edición os 24 participantes están a percorrer a zona sur do país, a Costa Licia, Antalya e a Capadocia, fronte ao itinerario por Istambul e a costa oeste de hai catro anos e que se suma ás excursións realizadas xa a Inglaterra, Alemaña, Grecia e Italia.


Do 14 ao 23 de febreiro, estes “aventureiros” poderán coñecer de primeira man dende o refinado clasicismo dos relevos licios ata o arco de ferradura capadocio nunha viaxe única dende o punto de vista cultural, formativo e persoal no que farán moitos quilómetros e no que poderán visitar moitos lugares de interese histórico e arqueolóxico, algúns deles fóra dos circuítos turísticos habituais.
Dos 24 participantes, a maioría son estudantes da Facultade de Historia e o resto persoal docente e investigador e egresados do centro. Moitos deles embárcanse por primeira vez nunha intensa viaxe coa arqueoloxía e a historia como protagonistas que sempre deixou un bo sabor de boca. "É unha experiencia única. Non se trata de un viaxe de luxo, sabes que te vas mover moito pola zona e vas poder coñecer unha gran cantidade de sitios que doutro xeito poden resultar inalcanzables”, explica Arturo, que o ano pasado participou na excursión a Italia.
 

Te puede interesar
Más en Universitas