O UVigo arranca unha nova tempada na élite de xadrez

Continúa o programa "Promoción do deporte en idade escolar", na Sección de Xadrez da Universidade

O sábado, máis de 3.000 xadrecistas galegos farán as primeiras xogadas da Liga de xadrez 2015. Arranca oficialmente a tempada na que de novo se verá a un equipo galego, o "Universidade de Vigo", no máis alto, na Primeira División Nacional.

Tras participar en setembro no Campionato de España de Primeira División en Linares, o "Universidade de Vigo" alzouse coa quinta posición coa que se aseguraba a presenza dun equipo de Galica entre os 16 mellores de España en 2015.

De volta en Galicia, concretamente na Liga Galega, o "Universidade de Vigo" parte de novo como o principal favorito ó trono galego, se ben terán que enfrentarse con grandes equipos que entran en escea, como é o caso do "Círculo Chantadino", reforzado coa fichaxe de dous Grandes Maestros estranxeiros como é o serbio Paunovic e o arxentino Hoffman. Tamén se medirán co vixente campión, o "Viajes InterRías".

Nesta nova tempada, o capitán Pablo García contará con todos os xogadores do pasado ano, incluído o grupo de sete xogadores do Norte de Portugal. Como novidade, destaca o regreso do Maestro Internacional formado no equipo universitario, Manuel Pena, se ben a súa residencia oficial é en Hong Kong fará apoios puntuais. Tamén destaca a incorporación de Víctor Miguel Lago, que aparcara a súa carreira deportiva para finalizar os estudos.

En definitiva, os universitarios de Vigo presentan catro equipos nas diferentes categorías da Liga Galega de Xadrez, o "Universidade de Vigo", en División de Honra, e tres máis en Segunda División, o "UVigo-XadrezGalego", o "UVigo 2020" e o "Escola Deportiva Universitaria de Vigo".

Por outra banda, o programa de "Promoción do deporte en idade escolar" continúa na Sección de Xadrez da Universidade de Vigo brindando a oportunidade de completar a súa formación co equipo técnico universitario aos xóvenes valores que hai na cidade. O filial "UVigo 2020"  conta con moitos mozos destacados, entre eles o líder deste equipo e promesa so xadrez galego, Rubén Fernández, Campión Galego Sub10.

Te puede interesar
Más en Universitas