UNIVERSITAS

Wej Circle, premio no Mobile World Congress ao mellor prototipo

b1_result
photo_camera Pau Argelaguet, Elizabeth Lee e Franco Pérez.

A aplicación na que participou Franco Pérez recibiu un galardón do Ajuntament de Barcelona.

500 minutos ou catro días despois de subirse a un tren en Barcelona, pasar por París, Londres e regresar á cidade condal, o enxeñeiro do Agrupamento Aeroespacial da Universidade de Vigo Franco Pérez remataba onte á tarde o que cualifica de “experiencia espectacular” ou “montaña rusa de sentimentos, sensacións e traballo”. Refírese o enxeñeiro galego de orixe arxentina ao Imagine Express 2015, unha iniciativa do emprendedor Xavier Verdaguer que fomenta o traballo en equipo de 36 persoas, seleccionadas de entre máis de 2000 en toda España, co obxectivo de desenvolver aplicacións móbiles.

Nun equipo no que Pau Argelaguet puxo a idea e Elizabeth Lee as técnicas de negocio, Franco Pérez encargouse, en colaboración en remoto cos tamén enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial da Universidade Aaron Narcellas, Bibiano Fernández-Arruti, Xabi Crespo e Diego Hurtado,de dar forma á parte técnica de Wej Circle, un sistema que permite compartir música entre varios usuarios mediante o emprego dun algoritmo. Con “este sistema hardware, que tamén ten un parte de App”, explica Pérez, o equipo recibiu no transcurso do Barcelona Mobile World Congress un galardón da Dirección de Innovación do Ajuntament de Barcelona, que o acredita como o mellor prototipo.

Aínda que Wej Circle non estivo entre os catro proxectos gañadores do Image Express 2015, que nesta ocasión recaeron nunha aplicación para diabéticos (Buddyfit); unha app destinada a reducir o número de accidentes dos operarios que traballan sobre o terreo (Safe&Sound); outra aplicación destinada a formar ao máis cativos e cativas en finanzas (FunForFamily) e outra que ten a finalidade de recuperar a rúa como zona de ocio para nenos e nenas (HybridPlay), Franco Pérez amósase moi satisfeito polo galardón recibido, sobre todo por ser un recoñecemento ao traballo en equipo con Pau Argelaguet e Elizabeth Lee, pero sobre todo, cos seus compañeiros da Agrupación Aeroespacial. “Estes días aprendín que Aaron, Bibiano, Xabi e Diego non son só compañeiros de traballo, senón que somos un equipo moi bo”, asegura o enxeñeiro, que confirma a súa participación na vindeira edición do Imagine Express, desta volta como experto.

Te puede interesar
Más en Universitas