UNIVERSITAS

Tres xeracións de pura enerxía nun mesmo espazo

gal1_result
photo_camera Un momento dunha das actividades celebrada na Praza Maior de Ourense.

Xornada de convivencia para escolares, universitarios e maiores

Pura enerxía. Iso é o que desprendían as preto de 200 persoas que este xoves se deron cita na Praza Maior de Ourense para participar nas XII Xornadas Interxeracionais. Maiores, estudantes universitarios e escolares xuntáronse para, a través do xogo e a convivencia, divertirse e vivir unha experiencia diferente e enriquecedora para todos. Son poucas as ocasións nas que, fóra do contexto familiar, xeracións tan diversas poden relacionarse polo que, roto o xeo inicial, cada un dos participantes aproveitou ao máximo esta oportunidade.

As xornadas, que se enmarcaron dentro do programa da II Semana da Promoción Social que se celebrou esta semana no campus de Ourense, estiveron organizadas polo alumnado de primeiro curso de Educación Social, co apoio dos compañeiros de segundo que levaron a organización o pasado ano. “A idea é que nenos e maiores convivan e o pasen ben, coa nosa axuda e facendo o que mellor saben todos eles, que é xogar. É unha actividade que facemos en equipo e para a sociedade, dúas cousas que están moi na esencia da educación”, destacaban na inauguración da cita Patricia Santamaría, Lucía Almuiña e Sara Fantoira, tres das organizadoras. Para estes futuros educadores e educadoras sociais, sinalaron, a celebración desta xornada supón unha práctica do que será o seu futuro traballo na sociedade, unha vez rematen os seus estudos universitarios.

Te puede interesar
Más en Universitas