CITA GASTRONÓMICA

A braseira de codornices gana adeptos en Cortiñas

<p></p>
photo_camera Esta noite, veciños e visitantes de Cortiñas terán a derradeira oportunidade de cear ave á brasa. (M.PINAL)

O programa inclúe hoxe a procesión do San Roque polo río Miño

O municipio de Castrelo de Miño mantén o ritmo das celebracións gastronómicas nas súas parroquias durante este mes de agosto. Se primeiro foi a Festa da Anguía, en Barral, e, nestes días, a Cea do Xarrete, en Macendo, agora é a quenda da Festa da Codorniz, en Cortiñas.

Dende o pasado luns, as codornices á brasa ou en empanada constitúen o reclamo desta cita, que coincide coa celebración da festividade na honra do patrón San Roque. No mediodía de onte, oficiouse unha misa na capela do santo, mentres a animación musical nas rúas correu a cargo da charanga Euro.

A xornada de hoxe abrirase cedo, ás 9,30 horas, cun percorrido da banda de música La Lira, de Ribadavia, por tódolos recunchos de Cortiñas. Para as 12,00 está prevista a tradicional procesión do San Roque polas augas do embalse do río Miño, co acompañamento de La Lira, rematando os actos litúrxicos cunha misa solemne na explanada do Clube Náutico de Castrelo.

A agrupación musical ribadaviense ofrecerá un concerto ás 13,00 horas, e tamén participará na verbena da noite, xunto coa orquestra Xoldra, no campo da festa. De novo, veciños e visitantes terán a oportunidade de degustar a braseira de codornices dende as oito da tarde, un prato que poderán acompañar cos afamados viños ribeiro de Castrelo.

Te puede interesar