festa do pulpo

O Carballiño presenta a súa LVII Festa do Pulpo en Xixón

No acto, previsto para o 22 de xullo, haberá degustación de pulpo e outros produtos típicos

O espazo de eventos A feira-La Llorea Golf, situado preto da cidade asturiana de Xixón, será o lugar no que se presente a LVII Festa do Pulpo do Carballiño, cuxa edición se lle dedica a Asturias.

A data do próximo 22 deste mes de xullo foi proposta polo gabinete da Alcaldía de Xixón, xa que era a única dispoñible a finais de mes para que poidese asistir a alcaldesa da cidade, Ana González.

Para establecer tanto a data como a organización do evento, desprazáronse ata Xixón os concelleiros de Turismo e Cultura, Manuel Dacal e Diego Fernández, respectivamente. Así, mantiveron unha reunión no Concello de Xixón co xefe de gabinete da alcaldesa, Celso Ordiales; co presidente da Asociación de Hostelería de Xixón, Ricardo Álvarez, e con Miguel Ángel de Dios, cofrade maior do Desarme de Oviedo, festa declarada de interese turístico rexional.

O acto de presentación terá lugar ás 13,00 horas, e ao remate haberá unha degustación dos produtos típicos da Festa do Pulpo como son empanada, pulpo a feira e carne ao caldeiro.

Ao acto acudirán autoridades dos concellos de Xixón, Avilés e Oviedo, así como dos medios de comunicación do Principado de Asturias, entre outros convidados.

A Festa do Pulpo celebrarase o día 11 do próximo mes de agosto, e as autoridades municipais decidiron dedicarlle esta edición a Asturias porque ademais de estar fortemente unida a Galicia por lazos históricos e veciñais, e de contar con moitos emigrantes galegos, esta comunidade nunca foi homenaxeada nesta festa gastronómica. 

Tamén se ten en conta que nos últimos anos aumentou considerablemente o número de asturianos que asisten a Festa do Pulpo.


Dedicatorias


As dedicatorias comezaron no ano 1987 co homenaxe aos emigrantes galegos en Arxentina e seguiron despois distintos países, cidades e vilas, así como colectivos vencellados de algunha maneira á Festa do Pulpo.

Te puede interesar