festa da istoria

La Festa da Istoria recluta labregos para o seu desfile

<p></p>
photo_camera Unha das loitas a cabalo acaecidas nunha das últimas edicións da celebración histórica.

O dispositivo de seguridade terá o apoio de policías e do grupo de emerxencias do Carballiño

A Coordenadora da Festa da Istoria de Ribadavia lanzou un chamamento ó traverso das redes sociais para todas aquelas persoas interesadas en participar no Gran Desfile, que terá lugar o vindeiro sábado, 26 de agosto, ás 11,00 horas, con saída dende a rúa Baixada ó Consello ata o castelo dos Sarmiento. Os organizadores do evente desexan, sobre todo, que a xente que desexe integrarse na comitiva poida facelo con vestimentas de campesiñado e, de paso, poder aportar antigos elementos da labranza como acompañamento.

Así, precisan de aperos dos que se utilizan nas tarefas de cultivo ou tamén aqueles típicos da vendima do Ribeiro, como sulfatadoras, culeiros, prensas ou pipas, entre outros. Uns labregos que pasarían a engrosar as filas que percorrerán as rúas de Ribadavia tras a corte de reis, condes, notables, bispos e vasallos da anterga vila medieval que vai ser recreada cunha chea de actos. Unha vila que entre a tarde do venres 25 e a madrugada do domingo 27 necesitará dun amplo dispositivo de seguridade para dar resposta a calquera tipo de situación de risco e traballar na prevención para a protección cidadá.

Neste sentido, porase en marcha dende a Subdelegación do Goberno e dende o propio Concello un operativo integrado por máis dun cento de efectivos, entre axentes da Garda Civil, Tráfico e Policía Local, Grupo de emerxencias e voluntarios de Protección Civil e Cruz Vermella. Un nutrido grupo ó que prestarán a súa colaboración patrullas de axentes da Policía Local do Carballiño, tendo en conta que os seus compañeiros ribadavienses estiveron axudando o pasado 13 de agosto co gallo da celebración da Festa do Pulpo.

Tamén acudirán ata Ribadavia dende a vila do Arenteiro vehículos e personal do Grupo municipal de emerxencias, así como o guindastre de retirada de vehículos do Concello carballiñés, co obxectivo de atender calquera cuestión vencellada cos estacionamentos indebidos nas rúas e prazas do casco histórico e no itinerario que seguirá o Gran Desfile na xornada central do festexo.

E este ano, a organización decidiu facilitar o desplazamento de potenciais visitantes dende a propia cidade de Ourense e de fóra da provincia, concretamente, da zona das Rías Baixas, ó traverso do flete de autocares o propio sábado, día 26. O parque de San Lázaro será o punto de saída na cidade, ás 9,30 horas, cara Ribadavia, mentres a volta está prevista para as 22,30 horas.

Do Rectorado de Vigo partirá un autobús ás 8,30 horas e outro da praza da Farola de Redondela, ás 9,00 horas, con destino a capital do Ribeiro, e ambos con regreso ás 22,00 horas. Para participar nestas viaxes hai que inscribirse previamente nas axencias de viaxes concertadas, e o servizo estará garantido sempre que haxa un mínimo de 20 persoas interesadas. O prezo unificado para ida e volta é de seis euros para os tres itinerarios.

Te puede interesar