Instantes

Instantes (Foto: Yolanda Lloves)
Poder deter a terra, tan só un instante, para sentir e gozar da intensidade dun momento moi especial sería tremendamente maravilloso.
Hai momentos en que eu quixer que o mundo detivese o seu ritmo tan só un instante. Ás veces faríao para poder encher os pulmóns de aire fresco, ou escoitar cómo se coa un silencio entre os poros da pel, para ver cómo escacha una onda de mar contra un con desfacéndose en milleiros de pingas escumosas, para sentir un bico, a rozadura dunha man amiga... para escoitar un suspiro, para mirar en fite, para premer con forza unha aperta, para saborear unha bágoa doce... para gozar da intensidade dun momento.

Se se puidese conseguir, estou convencida de que poderiamos escoitar o bater das ás dos anxos que, entre lusco e fusco, nos chiscan un ollo. Sería tremendamente marabilloso: o Mundo, pendente dun instante.

Pero o universo non se silencia, non queda sen fala, non se detén. O mundo corre, fuxe, camiña apresurado... xira coma un tornado... porque coas présas, esquece pensar e sentir, e padecer; e así, non haberá nada que lle poida crebar o corazón.

Se eu puidese, detería a Terra un só instante, e deixaríaa latexar. Sentir a pel morna despois de bicala o sol, arrecendendo a escuma do mar, salpicada de area.

Deitaríame na praia, respirando profundo, zoando o vento... escoitando o silencio da quietude, con esa sensación estraña, ingrávida... a da terra sen xirar.

Paremos o mundo, non lle crebemos o corazón. É tan só un instante.


Te puede interesar