Loita

Loita (Foto: Xoán Baltar)
Unha loita a bordo do vagón dun vello tren de Renfe, daqueles de hai vinte anos, cos asentos raídos e impregnados do cheiro do tabaco
Collo un tren para fuxir a ningures. Un tren dos de RENFE de fai uns vinte anos, cos seus asentos roídos e impregnados do cheiro do tabaco anos atrás permitido.

Luxuria conteñida. Paixón que vomitan os teus beizos agretados pola friaxe invernal. Inverno de neves, corazón conxelado, sentimento aletargado...? O seu interior é como un cárcere con algunha saída, cun vixía que non se dá conta do seu fuxitivo: sentimento que foxe nunha bágoa dos seus ollos. (É o seu corazón quen vos fala en letra cursiva).

Alí está ‘el’ e rodeada de viaxeiros, comeza a loita: Golpe alto. Párollo. Golpe baixo: Párollo. Polas costas: Dóeme. Mírame satisfeito. -Non me mires que roubar miradas é un delito! Rabúñame e fíreme coa súa face malévola e vaidosa. Sorrí mentres a miña soedade treme indefensa. Esprémeme a pel ata conseguir o zume de rancor que navega por algún recuncho do meu ser. O fuxitivo pegañento adhírese a mín arrebolándome a calma e a cordura. Berro sen berrar, choro sen chorar... Loita: Golpe alto, baixo, alto...

Alí queda ‘el’, canso, derrotado, esnaquizado. Baixo do vagón satisfeita, deixando atrás os asentos vellos do vello tren.

(Falso cemiterio. Non está morto.) Cando me dou conta alí volve a estar ‘el’, pendurado da miña sombra, feble... pero vivo...

Catorce de xaneiro de hai xa ben anos. Mirouno para dispararlle porque aquel día, ela levantárase con alma asasina. Mirouno e un balote doce rebotou na súa pupila. Iris non escuro inxectado do sorriso dos seus ollos. Sangue transparente percorrendo a súa face, impregnando na súa pel suicida de amor. Dende aquel día ficaron namorados. Sentimento nostálxico que acochado baixo a súa sombra, aínda percorre o mundo ó seu lado...

Te puede interesar