ENTREVISTA

“Sería de estúpidos queixarme dos apoios públicos coa que está a caer"

Xulio Fernández, no seu despacho da universidade Laboral
photo_camera Xulio Fernández, no seu despacho da universidade Laboral

Xulio Fernández Seijas, director artístico das Xornadas de Folclore

Ten cara de estar canso.

Durante os dez días que duran as Xornadas, non durmo máis de tres horas. Chego ás sete e media aquí (á universidade Laboral) e despois nunca sei como vai transcorrer o día.



Complete a frase “as Xornadas de Folclore significan para Ourense..."

O que significa para cada ourensán. Antonte na praza Maior había centos de persoas e cada un ten o seu punto de vista. Nós temos que tentar que o festival se achegue ao público, conectar coa súa forma de pensar.



Lembro que vostede, na presentación do festival, dixo que un certame deste nivel con financiamento privado non sería posible. Por que o folclore “vende" pouco?

(Pensa) Vou respostar á galega: por que o fútbol vende tanto? A sociedade na que vivimos é moi materialista. Eu, como pedagogo, vexo cousas que me indignan. Moi ao noso pesar, quen move o mundo é a economía. No fútbol ou na televisión, hai empresarios que colocan o seu produto no mercado e consiguen que a xente o merque.



Ao fío do fútbol, ás veces non dá a sensación de que unha parte do discurso do mundo cultural sempre alude, como dicía Jorge Valdano, ao “inimigo externo"?

Está claro. Algunhas disciplinas están nun lugar privilexiado porque alguén, de forma intelixente, as posicionou aí. Sen embargo, a cultura ten máis atractivo potencial: unha boa película, unha obra de teatro, un cuadro... E por que non consigue atraer ás masas? Porque é máis selectiva. Teño 60 anos e xa son moi maior como para ter conta do que penso. Marx dicía que a relixión é o opio do pobo e o que está pasando agora é que moita xente está mirando para a televisión mentres se fai caixa.



As Xornadas son un dos acontecementos culturais por excelencia na provincia durante o verán. Iso fala moi ben do festival e mal da planificación cultural de Ourense?

Eu hai trinta e un anos desenvolvín este proxecto e teño unha visión só enfocada cara isto. É a miña obsesión e do que sei un pouco. Do outro, non che podo dicir. Non xestiono esa parte.



Pero faríao de forma diferente?

Si, ao igual que hai moitos que o farían mellor ca min aquí. A pregunta é: por que non se consegue entre todos unha boa planificación cultural? Hai moitos condicionantes, sobre todo o económico. Nós temos unha traxectoria potente e está demostrado que as Xornadas teñen forza. Noutras áreas, e por diferentes motivos, non houbo unha continuidade. Temos que educar ao público para que vaia apreciando máis e máis o que lle ofertamos. A nosa programación é axeitada ao nivel dos nosos espectadores e ao lugar onde se levan a cabo os espectáculos. Se estes foran nunha sala de concertos, garatízoche que cos mesmos grupos elaboraría unha programación totalmente distinta. Ás veces é como se estiveramos orfos, hai un baleiro.



Orfos?

Orfos en todo. Os cartos que se adican ano a ano á cultura cada vez son menores e a xente a valora en función da súa situación particular. Por exemplo, entendo ás familias que están nunha situación límite, sen axudas, e se indigna polo gasto nesta actividade. Aínda así, como nos imos queixar, coa que está a caer, do que conseguimos? Sería de estúpidos. Non son un extraterrestre, son consciente da situación dos que me arrodean e, como profesor, cústame moito motivar aos meus alumnos. Hai moita frustración soterrada.



Que danza popular lle acaería aos nosos dirixentes?

Non me gusta falar de política. Eu traballo con todos e o éxito depende do interese e as inquedanzas de cada un. Eu xa veño de segunda volta.



Recoméndeme un grupo das Xornadas.

É como escoller que fillo queres máis. A min todos me gustan, principalmente porque se non me agradaran, non os seleccionaría.

Te puede interesar