Inícianse as melloras na Oficina Agraria de Viana

photo_camera Oficina Agraria Comarcal da localidade vianesa.
A Oficina contará cunha zona de mostras e unha nova entrada 

A Consellería do Medio Rural vén de iniciar as obras de mellora da Oficina Agraria Comarcal -OAC- de Viana do Bolo. 

A intervención conta cunha inversión de 48.378,16€ e os traballos están encamiñados a executar unha nova entrada, unha nova zona de atención administrativa e unha zona de mostras. 

Levaranse a cabo ademais outras actuacións concibidas para mellorar o acondicionamento e a eficiencia do inmoble como a instalación dunha nova carpintería no corredor para separar a zona de uso público da de uso particular da OAC, un novo falso teito na zona de administración, unha nova instalación eléctrica, unha preinstalación de suministro de gas ou o pintado de paredes e teitos. 

Estas actuacións enmárcanse no Plan de impulso da rede de Oficinas Agrarias Comarcais iniciado pola Xunta, que inclúe tanto actuacións de optimización de tipo organizativo e funcional, como de mellora das infraestruturas e da dotación das oficinas. 

Os obxectivos fundamentais das diferentes actuacións deste plan son, por unha parte, dar unha resposta óptima ás demandas actuais da poboación rural en relación aos servizos públicos e, ao mesmo tempo, mellorar as condicións laborais das persoas empregadas públicas que desenvolven as súas tarefas nas ditas oficinas, o que repercute positivamente na relación entre a Xunta de Galicia e o sector primario.

A rede de puntos de atención ao sector agrogandeiro que constitúen as Oficinas Agrarias Comarcais ten como funcións a execución, no seu ámbito territorial, das actuacións da Consellería en materia agraria, así como a de prestar apoio técnico e administrativo aos organismos e entes adscritos a ela.

Te puede interesar