Os escolares de xinzo comezaron a visita didáctica no Mosteiro de San Pedro de Rocas
Preto de 30 de alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obligatoria procedentes do IES Cidade de Antioquía de Xinzo visitaron o Mosteiro de San Pedro de Rocas, dentro do programa da Deputación Provincial de Ourense, “Coñece Ourense”. Alí foron recibidos polo presidente da Deputación, Manuel Baltar, que lles lembrou os obxectivos desta actividade de difundir entre os máis novos o patrimonio, a paisaxe e as bondades arquitectónicas ourensás. O coñecemento desta riqueza contribúe, segundo Baltar, a "reafirmar a identidade" destes mozos e mozas.
O alumnado coñeceu con esta saída un pouco máis Ourense e descubriu tesouros como este mosteiro que, cando aínda non estaba posta a primeira pedra da Catedral de Santiago, aquí xa había vida intelixente moitos séculos antes".
Trala visita ao Mosteiro de San Pedro de Rocas, a ruta continuou en Montederramo onde os alumnos descubriron, a través dunha visita guiada, o Mosteiro de Santa María para continuar trala comida, coa visita á Igrexa de Santa Cristina.
Foi así unha xornada dinámica e divertida e unha ocasión perfecta para valorar o que se ten, xa que o que se coñece se coida e valora máis.
As cámaras de Telemiño desprazáronse pola Ribeira Sacra para compartir cos escolares do IES Cidade Antioquía a súa participación no programa “Coñece Ourense”. Os escolares amosáronse encantados con esta actividade didáctica, coa que aseguran que aprenderon moitos datos interesantes e descubriron zonas e monumentos cheos de encanto que, pese a estar ubicados na provincia, non coñecían. Son moitos os que aseguraron quedar con ganas de voltar coa familia e amigos para amosarlle aos seus, as belezas que se esconden en cada recuncho da provincia.