DE QUE SE FALA

O triángulo máxico da Baixa Limia

Coñece a figura do Troteiro, do Cabreiro e das Madamitas? Adéntrese na cultura do entroido desta zona da provincia

Os veciños e veciñas das aldeas de Bande saben que chega o Entroido cando escoitan ós Troteiros danzando coas súas chocas.
Os veciños e veciñas das aldeas de Bande saben que chega o Entroido cando escoitan ós Troteiros danzando coas súas chocas.
O triángulo máxico da Baixa Limia

Estamos ás portas da celebración por excelencia da nosa provincia, esa festa  tradicional e ancestral que ano tras anos os ouresáns esperamos con entusiasmo para poder contemplar as diferentes máscaras que se estenden ao longo da nosa provincia. Nesta ocasión presentaranse as máscaras e traxes da Baixa Limia, que simbolizan esta tradición nestas fermosas terras do baixo Limia. O Entroido simboliza unha serie de excesos entre os que se atopa o exceso na comida, trala matanza do porco, a través do cocido e a cachucha antes de entrar no período da cuaresma tralo mércores de cinza


O Troteiro (Bande)


O Troteiro é unha figura do Entroido propia do Concello de Bande. Debe o seu nome a que antigamente a xente disfrazada de Troteiro facía o percorrido "trotando" polas aldeas e levando o Entroido por todas elas até chegar á vila de Bande. Segundo Fermín Bouza Brei, saían á rúa a partir de Reis. O Troteiro viste camisa de manga longa e branca antigamente adornada con hedra e actualmente substituída por fitas de cores. Ás costas leva unha capa de gancho branca, denominada cuadrante, que eran fundas de coxíns ou almofadas. Levaba tamén un calzón de lenzo branco (cirolas) longo até máis de media perna con fitas iguais ás da camisa e nos laterais brocados que substitúen a hedra que se levaba antes. Acompañaban unhas polainas de coiro e uns zapatos negros, aínda que é posible que en tempos fosen chancas. Como accesorios, levan un cinto con grandes chocas, elemento que se considera afastador dos malos espíritos; a cara ía cuberta cun pano feito con ganchillo e suxeitada a un gorro de palla engalanado cun espello á fronte contra o mal de ollo e as bruxas; e postais antigas que os mozos enviaban ás mozas. Tamén levaban un pau que lles servía para lle levantar a saia ás mozas.

Fermín Bouza Brei describe en 1993 esta figura e destaca dela que non posúe unha indumentaria especial, senón que se cubrían cunha saba ou cobertor, levaban caroutas feitas na casa, normalmente de cartón, e que levaban un cinto de chocas ou campaíñas ao redor. Tamén sinala que lle zorregaban á xente cun temoeiro do carro feito de correas vexetais e que entraban nas casas na procura dos seus moradores.


O Cabreiro (Muiños)


A orixe da figura do Cabreiro sitúase no lugar de Vilar de Cas ( na parroquia de Souto de Limia), zona limítrofe coa Limia, onde se dan importantes manifestacións relacionadas co Entroido. A máscara quere representar a imaxe dunha cabra, animal típico do pastoreo da zona. Estes animais no que se encarna o Entroido son representacións da carnalidade do ser humano. A vestimenta do cabreiro componse de: blusa de liño de cor cru; pantalón de la de cor negra con cintas ricamente bordadas; chaleco de cor vermella e pasamanaría moi bordada; polainas de cor marfil imitando a cor da cabra, atadas con cintas de semicoiro marrón; capa negra de tipo veludo con cintas de cores; zurrón de semicoiro marrón; faixa en la vermella e por riba un cinto de semicoiro con fibela e chocas. A máscara está composta por dous cornos, recuberta de tecido marfil e marrón simbolizando as cores da cabra, pelo de cabalo no papo e rafia. Ademais os Cabreiros contan cunha vara cun rabo de raposo nun dos extremos, cos que os Cabreiro se metía coas mozas e empregaba para outras falcatruadas.


Madamitas ( Entrimo) 


A figura do Madamito e da Madamita do Entroido de Entrimo ten a súa orixe na vontade de facer escarnio dos señores e das señoras da época. A intención é imitar aqueles elementos máis representativos da súa vestimenta (como os bolsos, os abanos, a capa nos homes…) e facer parodia con eles e tamén ridiculizar os seus modais, levando prendas íntimas- como as enaguas- á vista de calquera coa intención de cuestionar o recato das mozas que as usaban ou engalanando os homes con chocas, moi pouco propias dun home serio. O traxe da Madamita consistía nunhas enaguas de cor branca con puntillas e encaixe (que normalmente formaban parte da roupa interior da muller), unha camisa da mesma cor (que se entende que tamén era interior) cunhas puntillas nos puños, un pano cruzado e atado nas costas, un sombreiro de palla na cabeza adornado con fitas de cores, medias de encaixe brancas e un veo co que se tapaba a cara. Nas mans levaban unas luvas brancas e nos pés unas alpargatas de tea e esparto. Como complemento da vestimenta, cargaban cun bolsiño na man e un abano na outra. O traxe do Madamito compúñase dunha camisa branca con puntillas nas mans, unha garabata vermella (ou de cores, para chamar a atención), uns calzóns con puntilla, unha capa curta e unha faixa na cintura chocas por atrás. O conxunto completábase cun gorro e cornete adornado tamén con cintas (ou igual que o das Madamitas), unha mascara con longos e retorcidos bigotes pintados, unas medias coladas, unas alpargatas de esparto e unha vara na man como símbolo do poder e que o Madamito emprega coa mesma intensidade que o señor a súa autoridade, baténdolle con ela a quen considera oportuno. Se ben estas son as vestimentas que se están a recuperar, era habitual que houbese algunha diferenza dun lugar a outro e que os galáns e madamitas de cada lugar tivesen características propias.

Acompañando os madamitos ían os gaiteiros tocando diante deles e atrás deles, os faranduleiros, máscaras vestidas de vellos ou de vellas (con roupas vellas) que botaban fariña mesturada con borrallo á xente.