DE ACTUALIDADE

Obxectivo saudable: unha milla diaria

Os escolares do CEIP Pena Corneira están inmersos  en numerosos proxectos, entre eles un deportivo que está a resultar do máis divertido e froitífero

Obxectivo saudable: unha milla diaria

O CEIP Pena Corneira é un centro de ensino do rural situado na comarca de O Ribeiro, concretamente no municipio de Carballeda de Avia. Con preto de medio cento de escolares, repartidos en Educación Infantil e Primaria, os oito docentes especialistas nas distintas materias que se imparten na aula destacan que é un centro moi activo no que están todos moi implicados en cada un dos novos proxectos que emprenden. Ademais, destacan do alumnado o seu dinamismo e o respectuosos que son todos co profesorado, que permite que neste colexio se respire un ambiente único.

No tocante aos proxectos máis salientables que están a levar a cabo, contan entre o alumnado de Infantil cun proxecto sobre a vendima, que ao igual que outros das súas características, consiste en levar a cabo unha investigación sobre un tema que suscite interés entre o alumnado, implicando a toda a comunidade educativa. Este proxecto sobre a vendima arrancou no mes de setembro e ten como finalidade que os escolares aprendan contidos curriculares propios da súa idade, a través dun tema motivador como é este caso a vendima, salientando que o centro de ensino se atopa no corazón de O Ribeiro. Os cativos de Infantil están moi motivados con este proxecto no que a comunidade educativa está colaborando moito, tanto é así que unha familia acudiu ao colexio para explicar como se elabora o viño dun xeito artesanal. Por outra banda tamén salientan a colaboración de Viña Costeira que abre as súas portas para que os escolares acudan e participen nunha visida guiada polas súas instalacións. 

Po outra banda, o alumnado de 5º e 6º tamén está inmersos nun destacado proxecto. Durante o actual curso escolar están a participar no programa Atrévete, enmarcado no Plan Eduemprende da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A finalidade deste programa é que os alumnos de maior idade do CEIP Pena Corneira poidan coñecer algunhas das posibilidades dos estudos profesionais que a súa provincia lles proporciona, así como exemplos concretos de iniciativas emprendedoras xa desenvolvidas. Este proxecto se está a levar a cabo repartido nunha serie de actividades, unha hora á semana, e culminará o 28 de abril de 2017, cunha visita ao centro de Formación Profesional de A Farixa.

CORRENDO UNHA MILLA

Por último, non queren deixar de salientar outro dos proxectos do centro e é o denominado "Correr unha milla". Trátase dunha actividade deportiva que comezou cunha reunión entre profesores e alumnado e todos xuntos se puxeron de acordo para levalo a cabo. Comezaron correndo unha milla un día á semana e foron pouco a pouco aumentando, concretamente un día máis á semana cada mes, ata chegar no vindeiro mes de febreiro a correr unha milla diaria. Adican a esta actividade de 15 a 20 minutos e ten como finalidade promover a conciencia do coidado do corpo, descubrir os beneficios de realizar actividade física diaria e mellorar as súas capacidades físicas. A iniciativa está a ser un éxito e nela participan todos os alumnos do centro.