OBITUARIO | Alfredo Fernández Velo

OBITUARIO | Alfredo Fernández Velo

Observo a túa cama baleira. Esa cama que foi sempre túa nun piso que foi sempre teu e que nos últimos meses se fixera a túa compañeira inseparable. Nunca nos deches moito traballo, un pouquiño nas últimas semanas.  Fuches un vello sen máis preocupación que a túa eterna Esperanza, coa que agora te poderás xuntar para sempre. Esperemos que nese Ceo do que sempre falabas porque, exista ou non, está claro que ese é o sitio para ti. Viviches 22 anos de soidade e non deixaches nin un só día de poñerlle unha vela a esa Esperanza que seguía iluminando a túa vida.

Fúcheste sen sufrir moito, pero máis do que unha persoa coma ti merecía. Fúcheste próspero e evitando aos que tanto te queriamos verte sufrir máis da conta. Olvidarte sería de covardes, pero deixaches que te poidamos seguir querendo sen esa dor que nos daba ao mirarte estes días. Ata niso, no de marchar, fuches bo.

E dá igual á hora que te foses, porque o teu reloxo sempre marcaba as 19,40 e, aínda que che diciamos que tiñas que tirar con el e que levaba cinco anos sen pila, seguías dicindo que o que pasaba era que o tempo ía lento, porque un "reló suízo" nunca fallaba.

 Fuches o meu compañeiro dos veráns de Salou, de Peñíscola, de Port Aventura. Vinte chorar cando aos teus case 65 anos viches a praia por primeira vez.

 Vinte usar unha manta eléctrica a 30 graos de temperatura. Sempre facía frío, aínda que cando cho recriminaba sempre botabas unha risa polo baixo con algo de vacile.

Non haberá silencios nos que non escoite aqueles teus consellos dos sábados ás tres da tarde cando estaba en Londres e me berrabas pola distancia. Que me dicías que non deixase que me tratasen mal, porque sabías o que era emigrar. Sei que me querías tanto. O teu "xudío" sempre te vai querer. Nunca, nunca, nunca te hei olvidar.

Por todas aquelas viaxes a Magarelos, aqueles paseos pola horta, aqueles últimos paseos polo camiño das viñas, os 50 euros da propina, o ben que me dicías que conducía cada vez que te ía buscar.

Morriches pensando que tiñas un catarro que non se che daba pasado. Inda recordo cando hai un mes me falabas e dicías que te ías poñer ben. Sempre souben que chegaría este momento, aínda que nunca che dixemos que estabas mal. Ti rabeabas pero soubeches darnos as gracias nos momentos xustos e marchaches sen saber que estabas marchando. Ou si. Eras enigmático. No fondo eras orgulloso. Sei que no fondo sabías que o que te consumìa non era un catarro e que o "reló", por moi suízo que fose, levaba anos sen funcionar.

O que pasa é que non querías ser vello. Por iso pintabas o pelo e non querías levar caxato.
E sei que marchaches orgulloso do teu neto "o periodista", aínda que eras máis do "arradio" que do periódico.

Non me puiden despedir de ti, perdeches o sentido dun momento ao outro e non puiden dicirche canto aprendín da túa fortaleza e cantas veces pensaba en ti. Sei que me lerás alá onde esteas, sei que apreciarás o que eu che diga. Só hai unha cousa que me doe e é non poder terche dado un "beixo" deses que tanto pedías.

Meu abuelo Alfredo. Adorámoste máis do que xamais puideches pensar. E a túa Julita, o teu Brais, o teu Pablo e o teu Carlos quererante por sempre. E a túa familia desa Suíza que tanto idolatrabas, que sempre tiñas presente.

Alfredo, que a terra che sexa leve.
O teu neto que sempre te quixo.