Cartas al director

Sobre a penúltima póla

O sistema financieiro galego esvaeceu, iso é un feito. A día de hoxe, a falta dunha entidade, tódalas caixas que nalgún momento conformaron o mapa económico das catro provincias foron pouco a pouco integrándose unhas noutras, coma quen rearma unha matrioska que semella non valerse por si mesma. E, con idéntico proceder, desta vez a pequena boneca semellou encarnarse no Pastor. Mais non é posibel unha lectura da situación deténdonos únicamente no desenlace, pensemos por un instante nunha morea de árbores á nosa vista tomadas dende unha ladeira. Cando podemos tratalas de bosque?, cal é esa última árbore que desata a conxunción? Esta proposta fora exposta por Ortega e Gasset, mais ben nos vale para plantexarnos o seguinte: cal é o punto no que un problema está á vista dos seus artífices, mais é de obriga negalo?

Lembro cando acudía coa miña nai a unha das sucursais do Pastor en Ourense, no meu barrio, todavía en activo baixo tal denominación. Ben sei que a historia é cíclica, máis aínda se é tomada dende o albiscar capitalista, e se ben semella que o actual fume non provén dun incendio da guerra económica, cuestionémonos, “quen vai pagar esta conta? Só derrubando violentamente ás xentes podían os monopolizadores da riqueza confiar en botar sobre os ombreiros dos productores desta os custos dunha guerra que eles, os monopolizadores, desencadearan.” Esta cita non é dun xornalista actual, senón que forma parte dunha análise de 1871, os descendentes xa saberán de quen. E agora que o defunto todavía padece, algo difícil de asumir mais que así é; cabe inquirir ao árbitro nacional, BdE, baixo as palabras: ata que árbore estaba disposto a chegar, con tal de facer caso omiso aos gallomoutos do defunto?