Cartas al director

Avoa centenaria

Querida avoíña, hoxe vostede fai 100 anos coa cabeza tan nítida coma cando tiña corenta, aínda que as forzas xa non son as mesmas.

Muller de campo, noble, paciente, discreta, traballadora incansable, sempre disposta a axudar, tan familiar, tan empática, tan xenerosa que dedicou a vida a cuidar da súa xente. E esa vida non foi demasiado amable con vostede, sen embargo a súa resiliencia convertiuna nunha muller de gran fortaleza, loitadora e optimista, con un gran sentido do humor.

Vostede sobreviviu a guerras e pandemias e nese longo camiño perdeu ó avó, ós fillos, á nora, ó xenro e aínda así nunca a vin chorando polas esquinas, como di vostede “hai que seguir pra diante e a pena lévoa comigo e na cama, cando naide me ve, choro e rezo por todos “. Como dicía Mario Benedetti, un río de tristeza circula polas súas venas pero olvidouse de chorar. Nunca quere preocupar ós outros senón que é vostede quen se preocupa polos demáis.

Considéroa a miña segunda nai porque, aínda que non me deu a vida, crioume e ensinoume a vivir, porque vostede garda un tesouro de experiencias que iluminan o noso camiño. Gracias por educarme con tanto amor e dedicación cando os tempos eran moi diferentes ós de agora, onde a falta de comodidades e o traballo nos eidos e na casa deixaban pouco tempo para o lecer.

Non se imaxina, nai Benita, canto presumo de avoa centenaria que aínda enfía as agullas e le o periódico e as revistas sen lentes.

Avoíña, teño a ilusión daquel neno que criou porque o sábado viaxarei para abrazala máis forte ca nunca e celebrar con vostede este cumpleanos tan especial.

Que sorte e que ledicia poder facelo!

O domingo brindaremos todos xuntos polos 100 e polos que están por vir.

Como di o meu fillo, seu bisneto, quéroa ata o infinito e máis alá.