Cartas al director

O Parlamento 
galego tamén é do profesorado Celga!

O 14 de abril o profesorado Celga e de linguaxes específicas estivo presente no acto denominado “O Parlamento é do Pobo”. Alí demandou, esixiu, unha solución ao seu problema. Foi un pleno alternativo, a carón do pazo do Hórreo compostelán, organizado polo BNG.

O evento, que tivo lugar no parque da Constitución e de xeito simultáneo ao pleno que se estaba a desenvolver no interior do Parlamento galego, contou coa presenza de numerosos representantes sociais. Durante toda a mañá, 35 colectivos foron os verdadeiros protagonistas e, en quendas de cinco minutos, foron expoñendo os seus problemas. Entre estas representacións tamén se encontraba o profesorado colaborador da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Na súa intervención, unha representante do colectivo expuxo as condicións nas que se desenvolvía o seu traballo: sen contrato laboral, sen alta na Seguridade Social, sen dereito a baixas por enfermidade, sen prestación por desemprego, sen cotización para a xubilación... E todo isto en pleno século XXI e traballando para a Administración! Denunciou que o profesorado foi despedido pola Xunta de Galiza, de xeito vingativo, por denunciar a súa situación irregular e reclamar os seus dereitos.

Afirmou que as inspeccións de Traballo, os xulgados do Social e o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza lles dan a razón. Non obstante, e a estas alturas, nada se sabe dos cursos de galego deste ano; tiñan que estar convocados e xa desenvolvéndose en todas as capitais e en moitos concellos de Galiza. Nada tampouco das probas Celga do mes de xuño...

Do outro lado, quen precisa urxentemente obter un certificado Celga. Estas persoas esperan e, claro está, tamén desesperan...