Cartas al director

OBITUARIO: Epifanio Campo, comprometido co seu país

O profesor Antonio Grandío Dopico, grande e vello amigo de Epifanio Campo Fernández (Puente Domingo Flórez, 1952) definiuno moi aqueladamente antonte nunha emisora de radio: “Epifanio era un home que tiña unha tripla vinculación: coa actividade empresarial, cos seus traballadores e coa súa familia”.
   

 Epi, como lle coñecían os seus íntimos, asumiu responsabilidades ao máximo nível executivo dende os seus 22 anos, sucedendo ao seu padriño Epifanio Campo Núñez na xestión das súas empresas en Vilalonga-Sanxenxo, e Lendo-A Laracha, a 25 kms d’A Coruña.  Mais co decurso do tempo, o seu sentido de país abriu o seu ámbito de investimento dende as actividades tradicionais familiares da minaría pizarreira e da fabricación de ladrillos á siderurxía, xunto co empresario larachés Manuel Añón, ás enerxías renovábeis, canda Manuel Jove ou ás actividades ambientais e de servizos, con Amador de Castro e outros. Campo acreditaba no retorno do seu traballo á sociedade galega e, neste senso, prefería as actividades intensivas en mán de obra.
   

Cómpre salientar a súa aposta por unha Banca galega. Participou no Banco Pastor e foi peza clave da adquisición do Banco Gallego polo Banco 21, regaleguizando o seu capital. Fica pendente de sentenza a súa acción xudicial contra o FROB pola redución a cero do capital deste Banco, nunha manobra que Epifanio Campo sempre considerou lesiva para os accionistas e ilegal.
    Epifanio Campo era querido e aprezado polos seus amigos e traballadores pola afabilidade do seu trato. Nun mundo  onde ás veces un se atopa con máis solemnes e empoleirados dos que quixer, Epi era un home humilde, que axiña gañaba ao seu interlocutor co seu sorriso e a súa disposición a escoitar.
   Menos coñecida era a súa paixón futbolística, vinculada ao deporte de base. Presidiu o Vilalonga, F.C. (1983-1994), levándoo da 3ª Rexional á promoción á 2ª B (a parroquia, ao norte do concello de Sanxenxo, conta con só 3000 habitantes). Despois presidiría, tamén con suceso, o Montañeros d’A Coruña e foi vicepresidente da Federación Galega de Fútbol canda a presidencia de Julio Meana. 
 Malia a súa tan temperá morte, Epifanio Campo ordenou a xeito a sucesión da súa empresa familiar, dándolle entrada dende 2012 na xestión e administración dos seus negocios a varios dos seus fillos. Eles, a súa viuva e os seus irmáns haberán seguer o ronsel tracexado por Epi. Un emprendedor galego comprometido co seu País.