Escolares de Cenlle acudiron a Manzaneda para gozar da actividade promovida pola Deputación de Ourense
Co obxectivo de achegar aos nenos e nenas de toda a provincia de Ourense ao mundo do esquí, naceu Esquiou, un completo programa de actividades promovidas pola Deputación Provincia de Ourense, coa colaboración de Oca Nova Manzaneda.
O programa inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos e nenas nados entre 2006 e 2009 na provincia de Ourense.
A pasada edición de Esquiou foi todo un éxito de participación e esta edición contará coa participación de 735 nenos e nenas, divididos en 7 quendas de 105 persoas por quenda.
Os nenos e nenas do colexio Carmen García Carrasco de Cenlle repetiron hai uns días a súa participación en Esquiou e, xunto a escolares doutros centros de ensino das zonas de O Ribeiro e Carballiño, acudiron a Manzaneda. Foron tres días fantásticos de actividades nos que, ademais de aprender técnicas básicas do esquí e poñelas en práctica, compartiron numerosas actividades lúdicas e unhas fantásticas xornadas de convivencia con outros nenos e nenas da súa mesma idade. Os escolares de Cenlle xa agardan por unha seguinte edición.