OBITUARIO

José Sousa Gómez, a roda do infortunio

Ourense. 11-11-16. Local. Premio Ourensanía 2016 a José Sousa.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Manuel Baltar, Alberto Núñez Feijoo e José Sousa, na recepción do premio Ourensanía.

O pasamento do productor José Sousa tivo lugar o pasado domingo na súa vivenda de Venezuela

Hai relacións que un mantén ó longo da súa vida con algunha xente e que, por máis anos que pasen, non logran traspasar o fondallo da tona dun vaso de leite. Hai outras, sen embargo, que non precisan de moito máis ca duns días de contacto para que prendan nun coa profundidade e a fortaleza das raíces dunha cañota.

Isto foi o que me aconteceu a min con José Sousa (mellor dito, o que reciprocamente nos aconteceu ós dous) a partir da miña estadía con el en Caracas, naqueles trece días do verán do 2016 nos que tiven a fortuna de viaxar alá e que tantas perspectivas me fixo mudar sobre unha chea de aspectos sociais e mesmo humanos da vida.

Intimamos cunha asombrosa facilidade e por máis que os nosos contactos anteriores non superaran uns anos atrás a relación epistolar, vía correo electrónico, chegamos a compartir incluso confidencias do ámbito familiar.

A súa vida nunha privilexiada zona residencial de Caracas, logo de medio século de traballo naquel país e preto de 40 películas producidas co seu selo persoal (Xenón Films), era certamente envexable e malia a situación sociopolítica que levaba tempo sufrindo o país, na compaña da súa muller Jackelin Salazar e das súas dúas fillas, tiña escrito non menos envexables proxectos de futuro para el e as tres patas que formaban o seu imprescindible apoio vital.

Pero tres semanas despois do meu regreso, a rolda do infortunio decidiu de súpeto darlle unha cruel volta de parafuso á súa vida e diante mesmo do casal familiar, do que tan orgulloso estaba, fíxoo transitar pola máis negra das travesías polas que un pode cruzar, vendo como un fatal disparo lle fendeu o corazón a Jackelin sen darlle tempo sequera a berrar.

A partir daquel día o que para el non era unha opción a contemplar -é dicir, o regreso para este, o seu país natal- comezou a ferver con forza nos seus miolos, malia dificultade que el sabía que abrigaba unha decisión tal: Botar por terra case catro décadas de traballo na producción cinematográfica venezolana e converterse de novo nun emigrante en España, pero con medio século máis por riba das costas aínda que cun premio, o da Ourensanía, que no 2016 lle permitiu sentir o cariño da súa provincia natal. 

E niso andaba, despois de que a súa filla Andrea estivese xa asentada en Alemania e Ana Patricia comezase a asentar dende o pasado verán a súa presenza entre a populosa colonia venezolana en Madrid.

"Antonio. Aquí te envío un guión. Es una comedia inteligente que me gustaría rodar también en Galicia, ya que, como verás, es muy adaptable a esa realidad... Léelo y ya me dirás si te gusta".

Este foi, en resumo, o último correo que nos intercambiamos e que me deixou a medio ler o guión, porque este tempo de Nadal teme ocupado con outras obrigas de carácter familiar.

"El cinematógrafo" é o seu título e, como non podía ser doutro xeito, xira arredor do que foi o seu motor vital: O cine. O cine que prendeu nel coma unha hedra cando era un neno de aldea con toda a vida por andar e que só un corazón debilitado pola traxedia, foi quen de mandalo parar no derradeiro día do 2017 en Caracas. Pendentes do teu enterro nos próximos días e tras saber a nova do teu falecemento, que a terra che sexa leve, irmau!

Te puede interesar