Opinión

Spain is not Catalonia

Como xa comentei na anterior parrafada publicada neste xornal, veño de pasar uns gratificantes días por terras catalanas. Despois de moito devanar os miolos, tirei a sesuda conclusión de que, as contas electorais da leiteira, dos ínclitos señores Rayoy e Puigdemont, foron a principal causa do enquistamento da cuestión.

 Evidentemente, houbo outras razóns de peso pero todas elas se sostiveron no balancín dos intereses contrapostos pero paralelos das dúas dereitas hexemónicas. Así como a súa desmedida ansia por non baixarse da poltrona.

 Non cómpre ser Carlitos Álcantara para lembrar os tempos nos que CIU era un amigable aliado dos gobernos tanto do PP coma do PSOE. Matrimonios de conveniencia que levaban ao molt honorable Jordi Pujol a pasear pola Moncloa coma Bob Esponxa por Fondo de Bikini. Eran tempos nos que incluso o máis español dos españois, o Capitán Trueno de Valladolid, don José María Aznar recoñecía que lle poñía o rollo de falar na lingua de Tarradellas na intimidade. Bueno, sabendo que é quen de dicir abdominales en 23 idiomas diferentes, tampouco sorprende tanto.

 Eran bos tempos para o amor. Pero chegou a hora das estratexias e os Goebbels de turno decidiron que lles ía resultar máis rendible encirrar ás súas tropas.  Viñeron o Estatut, a campaña mediática para xerar odio en dous idiomas, e como soe acontecer cando o amor se quebra, os anacos resultantes deviron en cortantes armas arroxadizas. Atrás viñeron os insultos, os porrazos, o desamor.

 E agora temos un problema de moi díficil solución.  Basta botarlle unha ollada rápida así, sen moita ansia, á historia para saber o que pasa cando un pobo se sinte oprimido ou ameazado por outro.

 Agora mesmo hai dúas visións absolutamente opostas sobre o futuro dun territorio. Deste labirinto hai tamén dúas formas de saír. Podemos tensar a corda ata que rache e as feridas sexan incurables ou podemos buscar un par de cadeiras cómodas e comezar a razoar. Ao meu entender, só o diálogo pode resolver a problemática.

 Debe ser por iso que sinto pavor ao escoitar ao novo sectario xeral do Partido Popular negando tan sequera a posibilidade de falar. Parece casado coa idea de que hai que sacar os blindados á rúa para recuperar aquel eslogan tan eficaz de “una, grande y libre”. Hai nostalxias que deberían quedar no NO-DO.

 O que máis escoitei por alá foron frases do tipo “non queremos estar onde non nos queren”, o que máis escoito por aquí é “se non queren ser españois que se vaian”. Parece que lonxe do que pensa Casado, si hai cousas sobre as que charlar. Aínda que sexa o de menos neste caso e sabendo que polo exposto aquí, os dun lado van interpretar que defendo aos do outro e viceversa, vou explicar o que penso eu ao respecto.

 Para iso vou fusilar un par de versos da canción “Si et quedes amb mi” dun dos grupos emblema do rock catalá, Sopa de Cabra: “Despinta les banderes i fes-ne un gran llençol, per sobre les fronteres podràs sentir-me a prop” ou o que é o mesmo “Despinta as bandeiras e fai un gran pano, por enriba das fronteiras poderás sentirme preto”.

 Quédome coa imaxe da Terra desde o espacio, onde se aprecia que as liñas que causan tantos disgustos son un invento do home.

Te puede interesar