Opinión

150 anos de el Heraldo Gallego

Veñen de se cumprir, precisamente o día deste mes, os 150 anos do nacemento dun xornal clave na historia de Ourense e de Galicia: El Heraldo Gallego. Fundado por Valentín Lamas Carvajal, daquela con 25 anos, nun comezo tiña o subtítulo de “Semanario de ciencias, artes y literatura”. Aos dous anos, en xaneiro de 1876, deixou o cabezallo tipográfico e optou por un gravado no que aparece o busto de Feijóo rodeado do seus libros e con atributos de arte e letras -pluma de escritor, paletas de pintor, lira de músico...- e monumentos significativos de Galicia: A ponte vella de Ourense, as ruínas de San Domingos de Pontevedra, a muralla de Lugo, a Torre de Hércules, as da Catedral de Santiago... pois era un medio para toda Galicia. 

El Heraldo durou entre 1874 e outubro de 1880 e saíron un total de 408 números. Seguramente, no seu estilo, é o máis importante do Rexurdimento. Entre os seus colaboradores, máis de medio cento de plumas de todo o país, incluídas as de Curros Enríquez e Manuel Murguía, cos que Lamas mantería logo duras polémicas. Varía na súa periodicidade entres dúas veces á semana e dúas veces ao mes, e conviven castelán, maioritario, e galego, sobre todo en textos poéticos, logo recollidos en libros, como nos de Lamas ou Curros. Hai moita presenza de arqueoloxía -lembro de memoria nun dos primeiros números un artigo sobre un dolmen en Codesás, na parroquia de Quíns, do que se reproducen as súas pinturas, única referencia-. E ao lado dos artigos de historia e literatura, costumes, etc. tamén de ciencias e economía. Como curiosidade, do grande precursor e esquecido físico e químico lucense José Rodriguez Mourelo -un visonario da radiactividade, das “telefotos”, da enerxía solar das décadas finais do XIX e primeiras do XX-, por exemplo, un artigo moi curioso, de 5 de marzo de 1880: “El poder motriz del sol”, no que sinala: “Cuando se consiga utilizar todo este poder, toda esta energía, ¡que metamórfosis en la industria y cuantas modificaciones en el mundo! Si las máquinas solares llegan á fabricarse, ¡con que recurso tan poderoso contará la mecánica, que energía tan inmensa tendrá a su disposición para transformar en trabajo útil!”. Léano. 

Valentín, cego el desde a primeira mocidade, contou sempre coa total axuda da súa muller, Rosina Sánchez, que sempre exerceu como os seus ollos e a súa pluma; por iso, debemos vincular sempre a memoria de ambos nos libros, nas polémicas, no Heraldo, pero tamén n’O Tío Marcos da Portela. O primeiro número viu a luz o 7 de febreiro de 1876, co mesmo enderezo de referencia que o anterior naquela altura, a rúa de Lepanto, e despois da súa desaparición, renacido entre 1917-19 en mans da Irmandade de Ourense. O día de saída foi escollido como “Día dos medios en galego”, e como tal festexado o 7 de febreiro desde hai dez anos. Este xornal é ben distinto do outro. Se El Heraldo Gallego era bilingüe e, digamos, de cultura elevada e cosmopolita, O Tío Marcos da Portela era monolingüe en galego e de cultura popular -moitos refráns, cantigas, contos e problemas do pobo, etc.- e vendíase nas feiras. Aí publicou Lamas por entregas o “Catecismo do labrego”, poesías e contos que converterán esta publicación en clave na alfabetización popular en galego. Dicía Lamas que chegara a 4.000 exemplares de tiraxe; inda a metade sería unha barbaridade para a época. 

O seu éxito indubidable, creo, debe ser parte da raíz da vivencia da lingua galega en terras de Ourense moito máis positiva que noutras zonas. En calquera caso, non está mal lembrar hoxe El Heraldo Gallego e o seu lema “Galicia ante todo, Galicia sobre todo”. Hai colección orixinal completa no Museo Arqueolóxico e, tamén, online, en Galiciana.

Te puede interesar