Opinión

Un albariño con Oubiña

Miren que cousas, antonte tomei unha botella de albariño con Laureano Oubiña. Ía facer a compra ao Supermercado Touriño de Sanxenxo e antes de entrar vin de esguello a quen pensei se o sería, sentado só nunha mesa da cafetería do lado. Pareceumo, pero non de todo porque estaba delgado e moi novo; para nada un home de 77 anos que pasase trinta na cadea. E cando andaba escollendo viños recibín consello dun espontáneo, “Colla este rioxa, está moi bo”. O viño chamábase “Antes muerto que chivato”. E lin a etiqueta, buscando as cursiladas tipo “en boca aroma frutos del bosque...”e dicía “Repudio al delator que busca eludir sus culpas a cuenta de la desgracia ajena. Cada persona debe asumir sus errores ‘a lo hecho, pecho’. Me asquea el chivato que pretende librarse de la cárcel encarcelando a otros. La Justicia se ciega cuando cree al que miente a conveniencia para lograr su impunidad...” Asinado, Laureano Oubiña. Ante a miña cara de sorpresa, o espontáneo díxome. “Ademais, o Oubiña está aí, sentado na terraza”. Érao.

Cando saín vin aparcada a furgoneta coa que anda polas feiras vendendo camisetas, libros e viños. O vehículo leva tres imaxes serigrafiada: a portada de dous libros “Oubiña, toda la verdad. Ahora es mi turno para contar mis vivencias sobre el contrabando y el narcotráfico internacional”, e “Conversaciones con Laureano Oubiña. Desmontando Fariña”; e a foto do faro de Monte Louro, con cinco botellas de viño e o pé “Venta de vino: Albariño, Rioja y Ribera del Duero”. Tamén un enderezo de gmail e un número de móbil. 

Ao saír, omnívoro da letra impresa, achegueime a el e díxenlle que quería comprar o libro “Toda la verdad...”. Foi á furgoneta (“Tes sorte. Onte fun á feira a Padrón e aínda non descarghei”).
E senteime a tomar un viño. Pagueille o libro rindo para dentro da imaxe miña dándolle un billete de vinte ao Oubiña, e estivemos de palique media hora. Falamos de viños. Entende. Que se o albariño tradicional era color ouro pero non “amarillo pajizo”; que mellor a decantación que o filtrado; que se melloraran moito os ribeiros; que se lle gustaba moito un da Arnoia; que se a adega de Rioxa era dun amigo que lle deixa facer alí o viño, etc. Logo, cun algunha incorporación de amigos del, e a propósito do libro, pasou a comentar historias de cando pasaba tabaco polas terras da raia de Ourense, cos burros do Fortunato, un portugués, etc. (“Todo está no libro”, dicía). Foi conversa rica e chea de anécdotas... pero marchei á praia pois unha cousa é unha cousa e outra estar de sobra. 

A verdade é que devorei o libro -sexta edición- e dá que pensar. Cheo de datos, datas, nomes e cifras. Os subornos á Garda Civil, os cartos a UCD e AP... Moitos irrebatibles e sorprendentes, como a presenza de Pablo Escobar na festa da vitoria do PSOE en Sevilla, en 1982, ou a estraña liberación do “Negro” un narco colombiano. En fin, non vén el de familia de santos. Seu pai amplioulle a boca ata a orella cunha navalla barbeira a un tipo que lle matou dous cans de caza; e a avoa dáballe consellos como “move cartos que sempre queda algo pegado ás uñas”. Mala sorte familiar, o pai, a muller, unha filla e un irmán mortos en accidentes de coche, etc.

O libro non é un intento exculpatorio -aínda que pida perdón- senón matizador. Recoñecese contrabandista de tabaco -logo, tamén, de haxis- equivocado ao comprar o Pazo de Baión, o que o converteu nun símbolo a abater; que os de Érguete actuaron contra el pero nunca contra os da heroína que foi a que sementou morte. Do sistema penitenciario fala como de Garzón, pestes. E repasa a todos os narcos coñecidos. (Por certo, de Marcial Dorado explica que só andaba no tabaco). En fin, o libro ás veces, é algo pesado por certas reiteracións e un anexo documental de interese só para moi iniciados, pero en conxunto deixase ler moi ben. Non será el Robin Hood pero Drácula tampouco parece. Digno de ler. 

Te puede interesar