Opinión

Alianza de linguas

Sobre o tema “das outras linguas” no Congreso xa manifestei que prefería o uso ritual ocasional e que as leis emanadas se publicasen en todas as linguas, pero sen tradutores nos plenos. E non só por economía, que tamén, senón por fuxir dun enfrontamento que pode ser contraproducentes. As linguas pequenas hai que falalas máis, escribilas máis, lograr hexemonías indiscutibles nos seus territorios e falar menos delas. O pobre monolingüísmo de xeracións pasadas (fose en castelán, galego ou ruso) deixou paso a unha situación mundial onde os individuos falan varias linguas. E cantas máis se saben, máis libres de prexuízos. E creo que o esforzo debe ir na liña de liberar de connotacións as linguas máis ca en buscar tradutores para o cotián. Como sabemos, nin o galego é lingua de nacionalistas, culturiñas ou pailáns, nin o castelán de opresores imperialistas, nin o inglés de modernos guais. As tres, coma todas, son puros vehículos de comunicación e creación. E do uso que delas se faga en cada tempo e lugar, elas teñen culpa. Temo que esta nova circunstancia no Parlamento español sexa unha vitoria pírrica e sexa axitada para crear antipatías cara ás nosas linguas polos monolingües máis cazurros do castelán. Que de todo hai. E ogallá estea enganado.

Pero o tema do título é alianzas de linguas. Existen. Como de países. Os cidadáns do mundo xermánico, de Islandia, Noruega, Suecia, Holanda, Dinamarca, Alemaña, etc. saben sen problema que a súa parente de máis éxito, a lingua inglesa, é o seu vehículo de comunicación internacional. E todos procuran falalo ben, e fano. E isto, obviamente, é compatible coas súas linguas nacionais, grandes, pequenas ou pequerrechiñas. O noruegués e danés, con menos falantes có catalán -e o islandés, có galego- e tantas outras “non internacionais” son lingua amadas e plenamente normais nos seus territorios por uns habitantes que saben que fóra deberán usar outras. E orgullosos están de sabelas.

E creo que os Gobernos de España, xunto cos demais países de fala hispana, podían esforzarse máis nunha estratexia de alianzas internas e externas en favor da potenciación do castelán como lingua de internacional. ¿Non sería natural que un romanés ou un italiano, catalán ou galego -e incluso un portugués, francés ou brasileiro- compatibilizaren as súas linguas nacionais co estudo preferente no ensino e uso internacional da irmá máis desenvolvida, en vez do inglés fóra dos seus ámbitos de influencia? E mesmo no resto do mundo -árabe ou oriental, por exemplo- o castelán non ten a connotación imperialista do inglés. E o grego, por afinidade cultural e fonética, outro máis na lista de aliados posibles. 

E creo que o normal no Parlamento sería facer o normal da rúa. Ou sexa, usar habitualmente a lingua franca que vimos usando desde hai séculos para os contactos e intercambios, partindo, por suposto, do máximo respecto á hexemonía de cada unha das outras linguas nas súas comunidades. Se Afonso X falaba co seu sogro, catalán de nación, Jaume I o Conquistador, en castelán; e se en Barcelona, a cidade de Vázquez Montalbán, se publicou a primeira edición íntegra de “El Quijote” en 1517; e se Pamplona se chama así, tamén, desde época romana; e Unamumo era de Bilbao e Valle Inclán de Vilanova de Arousa, pois non vexo problema en conservarmos esa koiné común, tamén no uso normal no Parlamento.

Fágase o galego forte e hexemónico na súa terra de orixe, que ben cómpre, e falemos por aí adiante as outras linguas que saibamos. Eu, desde logo, non querería que me puxesen tradutor en Madrid. Eu sei falar coma eles, aínda que eles non saiban coma min. E non é que sexa máis listo, son máis rico: teño dúas e eles unha. 

Te puede interesar