Opinión

Arquivos, bibliotecas e museos

Segundo o paradigma tradicional das entidades gardadoras da memoria, existen arquivos con documentos, bibliotecas con libros e museos con obxectos. Desde fins do XIX, coas novas categorías de documentación que apareceron -fotografía, gravacións sonoras, cine, video, materiais informáticos- a cousa complicouse un pouco máis e tendeu a haber iniciativas propias acollidas ao paraugas da administración que circulan por diferentes dependencias administrativas.

Sen dúbida, entre documentos, libros e obxectos, o que máis chama a atención son os obxectos, as cousas. Porque é unha categoría máis ampla e diversa. Desde un pendente de ouro castrexo, digamos arracada de Vilar de Santos, ata un broche dunha capa romana, fíbula, ou un poste quilométrico dunha vía romana, miliario. Ou desde un cadro de Parada Justel ata unha “pedramenta” do paleolítico. Sen dúbida porque o concepto “cousa” que pode acoller un museo é moito máis amplo que o concepto libro –coas súas ampliacións a outros materiais editados, ou ao concepto documento (na historia papeis ou pergamiños orixinais escritos a man)- por isto mesmo, os museos son focos de interese popular moito maior que as institucións irmás.

Todos nós podemos citar museos de capitais do mundo. Louvre en París, British e National Gallery en Londres, Prado e Arqueolóxico Nacional en Madrid, Hermitage en San Petesburgo, Vaticanos en Roma, MOMA en Nova York... pero resúltanos moito máis difícil citar bibliotecas e xa non digo arquivos. Por unha razón radicalmente lóxica. As cousas interésanlle a todo o mundo, por iso unha das funcións identitarias dos museos é a exposición e interacción co público.

Por iso os museos, a sedución polo pasado, moven turismo a esgalla. Parece inconcebible ir a Roma e non facer a cola dos Museos Vaticanos, ou ir a Florencia e non recoñecer obras na Galería dei Uffizi ou ir a Londres e non ver a Pedra Rosetta, ou a Berlín e non ver a Nefertiti. E, pola súa banda, a importantísima función dos arquivos ten unha orixe totalmente distinta: gardar os documentos que afirmen a memoria dos actos das xentes. Así todas as empresas, todos os concellos, todas as institucións, teñen os seus arquivos de uso vivos, da administración corrente das cousas. E cando deixan de ter ese uso cotián, no mellor dos casos escólmase o material e pasa ao arquivo histórico para dar testemuño de como foron as cousas. Ese labor de selección, de tirar –expurgo- é do máis difícil que ten que facer un arquiveiro. Imaxinen, por exemplo, gardar todas as multas de aparcamento da policía local desde sempre; abonda unha mostra aleatoria significativa.

Vostede, amable lector, seguramente coñece algúns dos museos que citei antes e, seguramente, ningún dos arquivos desas cidades. Porque os arquivos, por esencia, non son para o grande público senón para os especialistas. Pola súa banda, as bibliotecas, nestes tempos de universalización da cultura informática están buscando como axeitarse aos tempos modernos. Subir á rede a maioría dos materais, absorber as novas catogorías de documentación, é o que están facendo as máis importantes, mentres que as locais tratan sobre todo de facer actividades dinamizadoras e dar servizos de sala e préstamo aos cidadáns do seu ámbito de influencia.

Pense no usuario medio delas. Nenos a quen levan os pais ás actividades; estudantes que van á terceira planta cos apuntes; lectores de idade que van e veñen por libros; investigadores que buscan libros de consulta ou materiais na hemeroteca que non hai aínda na rede. Como afectará o seu traslado a San Francisco? De partida, dificultará o acceso.

En fin, que para min, o investimento prioritario nas infraestruturas culturais aurienses de memoria, polo recoñecemento identitario e pola rendibilidade económica e turística é hoxe, sen dúbida, o do Museo Arqueolóxico.

Te puede interesar