Opinión

Atrapallando a trangallada

Tíñame prometido non volver falar do tema catalán, por fastío visual e canseira auditiva, mais a esencia da liberdade humana radica na posibilidade de contradición; así pois, voume contradicir que me sinto libre. Hai unha semana andaba o país sumamente desacougado. Soaban tambores de enfrontamento social durísimo. Temíamos grandes ondas de kale borroka que “ulsterizasen” aquelas terras orientais. Despois, a febleza dun Puigdemont que non soubo aguantar a turrada dos que lle chamaban “traidor” propiciou un tremendo erro táctico -non convocar el eleccións- e permitiu un rápido movemento de cabalo por parte dun habilísimo Rajoy que acabou por comer varias fichas ao longo e ancho do taboleiro político. A aplicación suave do 155 tiña pouca codia pero moita miga; como un pequeno bisturí no lugar preciso. 

Puxo a mandar nos Mossos ao seu número dous, deixou na presidencia do Parlamento á que estaba, só que sen funcións, convocou eleccións inmediatas; non entrou, desde logo, como elefante en cacharrería. E colateralmente, noutros escaques do taboleiro, tamén houbo movementos: cortacircuitou Podemos, esgazando por dentro e imposibilitando por fóra unha coalición cun PSOE que recuperara, de golpe, o sentido de estado despois do trasacordo no inoportuno intento de reprobación de Soraya Sáenz de Santamaría. Pero, sobre todo, desconcertou a un nacionalismo que, ao que se ve, non tiña preparado nada máis alá das botellas de cava: nin arriar bandeira española, nin dirixirse ao público desde o balcón, nin emitir un decretiño. Nada. Como se di, foi unha declaración estética; unha declaración de amor, máis que un facer o amor. E bo foi, é de recoñecer e agradecer, que asumisen a aplicación do 155 sen grandes traumas, e que se sumasen de inmediato -creo que aliviados- ás eleccións do 21 de decembro. En paralelo, o autoexilio en Bélxica dun personaxe cada vez máis disparatado, desacougou e descolocou ao seu propio partido que empezaba a sentir a necesidade de recompor as súas estratexias, se cadra ao redor dun líder que se ofreceu, explicitamente, para moderalo. E fixo sorrir, sen dúbida, a unha ERC que se consolidaba como a alternativa máis seria do independentismo e que quedaba ao pé da súa xente, e auguraba un cantado relevo na dirección do tridente independentista.

E neste país, igual que na enfermidade de Franco saían chistes diarios, o histrión do “prucès” pasou a ser, grazas ás novas tecnoloxías, obxecto de crudelísimos memes e simpáticos chistes. E á distensión axudou tamén Rodolfo Cachero, o tramposo e defraudador empresario asturiano que pediu traslado de cela porque non aturaba aquel pesado Jordi que non paraba de darlle unha conversa que non quería. Despois o Tribunal Supremo chama aos membros da mesa do Parlamento -son aforados- e déixalles, lóxicamente, máis tempo para prepararen a defensa porque todo fora moi apurado, e o tempo, ademais, xogaba a favor da normalización. Distensión, é a palabra clave. E vai a Audiencia Nacional, chama aos conselleiros, pásaos á sombra e failles o inmenso favor de volvelos ao centro de actualidade con desculpas para organizaren manifestacións, e, ao tempo, deixa á vista unha inconveniente diverxencia no proceder das dúas instancias máximas do poder xudicial. Non dubido que as argumentacións da xuíza Lamela sexan correctas desde o punto de vista xurídico pero, co feito, creo que atrapalla a trangallada preexistente. Segue cumprindo sorte.

Te puede interesar